Portugal intensifica os axustes e elimina un salario anual aos traballadores

Manifestación contra os plans de austeridade en Lisboa CC-BY-NC-ND Mèlanie Wenger

Máis austeridade en Portugal e máis precariedade para o pobo portugués. O primeiro ministro luso, o conservador Passos Coelho, anunciou este venres a última hora máis medidas de axuste no país, que suporán un aumento das cargas impositivas aos traballadores e unha redución das mesmas para as empresas. Máis sufrimento para a maioría social, que equivalerá a que un traballador deixe de recibir un salario enteiro ao ano.

A contribución dos traballadores pasará do 11% ao 18%, mentres que a das empresas baixa do 23,7% ao 18%

Así, a contribución dos traballadores pasará dos actuais 11% ao 18%, o que permitirá reducir a contribución das empresas tamén ao 18%, fronte aos actuais 23,75%. A medida será incluída no Orzamento do Estado para 2013, para compensar tamén a suspensión dos subsidios de vacacións e Nadal en 2013 e 2014, que foron considerados ilegais polo Tribunal Constitucional (TC).

A suba de sete puntos porcentuais na contribución dos traballadores "será igualmente aplicável aos funcionários públicos e substitui o corte de um dos subsídios decidido há um ano", aclarou Pedro Passos Coelho. "O subsídio reposto será distribuído pelos 12 meses de salário", engadiu.

Os traballadores públicos quedarán sen o equivalente a dous subsidios, mentres que os traballadores privados perden un salario

Desta maneira, os traballadores públicos quedarán sen o equivalente a dous subsidios, ou sexa, na mesma situación de agora, mentres que os traballadores privados perden un salario. Para os pensionistas e xubilados, a redución das pagas de Nadal e de vacacións mantense.“O que propomos é um contributo equitativo, um esforço de todos por um objectivo comum, como exige o Tribunal Constitucional. Mas um contributo equitativo e um esforço comum que nos levem em conjunto para cima, e não uma falsa e cega igualdade que nos arraste a todos para baixo”, argumentou o primeiro ministro de Portugal.

Passos Coelho asegurou tamén que aínda que é intención do Goberno protexer “os trabalhadores com menores rendimentos, tanto do sector público como do sector privado”, a través de “um crédito fiscal em sede de IRS por via do qual os trabalhadores de mais baixos rendimentos vejam diminuir o valor do imposto a pagar ou, nada tendo a pagar, possam receber o mesmo valor da compensação respectiva”. A cuestión, aclarou,  estará agora en “discriminar positivamente estes trabalhadores”.

O primeiro ministro defendeu a medida coa necesidade de consolidación das contas públicas e o combate ao desemprego

O primeiro ministro defendeu a medida coa necesidade de consolidación das contas públicas e o combate ao desemprego, comezando por dicir que “a emergência financeira nacional” aínda non rematou.

A declaración do primeiro ministro chega no medio do proceso da quinta avaliación da troika e despois de dez días de tensión entre os partidos da maioría. Un malestar provocado directamente polo anuncio da concesión do servizo público de radio e televisión, co cal o CDS-PP non concorda, e polo debate sobre a reforma da lei electoral municipal, que finalmente foi abandonada debido á resistencia dos centristas, cuxa representación territorial sería laminada.

Manifestación contra os plans de austeridade en Lisboa CC-BY-NC-ND Mèlanie Wenger

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.