Protesta na rúa contra os recortes salariais en Citroën

Manifestación contra os recortes salariais en Citroën © CUT

Máis de 2.000 persoas, segundo os organizadores, manifestáronse na mañá deste sábado contra os recortes pactados entre a empresa e o sindicato SIT, maioritario con vinte delegados na factoría viguesa de Citroën, e que supoñen un recorte salarial do 5%, a supresión ou rebaixa de determinados completementos ou a limitaicóns nas actualizacións salariais. Nunha convocatoria aberta, e baixo o lema Non ao atraco salarial, centos de vigueses uníronse aos dous sindicatos nacionalistas que insisten en que "está moito en xogo", non tan só para os operarios da fábrica, senón para toda a comarca.

Máis de 2.000 persoas segundo os convocantes protestaron contra a rebaixa salarial pactada en Citroën

Foron os vinte delegados do SIT os que deron o visto e prace á proposta da dirección, que está vinculada á adxudicación do novo modelo de furgonetas K9. Os outros trece representantes dos sindicatos -6 de UGT, 3 de CCOO, 2 da CIG e 2 da CUT- votaron en contra e advertiron de "accións conxuntas" e mesmo non descartaron unha folga para rexeitar o acordo alcanzado grazas ao único apoio dunha central sindical que é maioritaria e que tará validez durante os vindeiros cinco anos.

Os axustes aprobados establecen un tope nas subidas dos soldos do 1,5% durante dous anos e, a partir dese límite, vincular a actualización das nóminas ao cobrado por prima de obxectivos. Ademais, tamén suporá a eliminación da prima de presenza -o que supón uns 500 euros menos ao ano de media-, aínda que si se manterá a prima de obxectivos dun 1,5%, que se paga en función do cumprimento dunha serie de requirimentos de calidade, contención de custos, sinistralidade laboral e absentismo.

Entre outros puntos, reducirase un 5% o soldo para os traballadores que se incorporen a partir de 2015, conxélase o plus de antigüidade, redúcense nun 25% os complementos de nocturnidade e salas de lacas e báixase de 69 a 50 euros diarios o complemento de fin de semana.

CUT e CIG pídenlle á empresa que "recapacite" e xa reclamaron que as medidas de axuste sexan sometidas a referendo

CUT e CIG insisten en que unha empresa que acumula "innumerables axudas públicas" non pode utilizalas "para eliminar postos de traballo e subvencionar despedimentos". Ademais, con esta manifestación insisten en reclamar en que as propostas pactadas entre a dirección da planta de Citroën e o SIT sexan sometidas a referendo entre todos os operarios da fábrica. Así, piden á empresa que "recapacite" para avaliar "se compensa o traballo e sacrificio na planta e se se necesita ir unha vez máis ao peto dos traballadores".

A manifestación contou tamén co apoio de CCOO que, aínda que non é convocante, considera que é lexítima e que non animou á desmobilización.O sindicato destaca que "o sentir maioritario" do persoal da factoría é de rexeitamento ás medidas de axuste, polo que din estar "firmemente comprometidos a levar até o final" as reivindicacións.

Manifestación contra os recortes salariais en Citroën © CUT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.