PSdeG, AGE e BNG rexeitan o teito de gasto imposto pola Xunta

Votación nun pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

O PP aprobou en solitario o teito de gasto para os orzamentos de 2014 en 8.456 millones de euros, cunha redución de 25 millóns no orzamento do 2014. Os tres grupos da oposición denuncian que este límite suporá "novos recortes nos servizos públicos" ao tempo que cualificaron de "simulacro de pleno", "pitorreo", ou "plebiscito sen posibilidade de emenda" a sesión extraordinaria do Parlamento, con só 24 horas para analizar a información remitida polo Goberno.

Losada definiu a documentación entregada aos grupos como “un mal remake” do entregado en 2013

O portavoz parlamentario socialista, Abel Losada, definiu a documentación entregada aos grupos como “un mal remake” do entregado en 2013. “O esforzo de actualización foi máis ben escaso”, dixo o portavoz socialista, que detectou fragmentos onde non coinciden a redacción coas cifras actualizadas. Losada reprochoulle aos populares que o teito de gasto aprobado no Parlamento se vai modificar na práctica: "en 2012, o gasto efectivo da Xunta estivo máis de 450 millóns de euros por baixo dos 9.172 millóns do teito presupostado". Losada augura que como entón, haberá “máis recortes, máis sufrimento e máis dificultades” para os cidadáns. Para Losada, en Galicia estase a desenvolver "un modelo económico fallido, fracasado, que se centra no déficit e na débeda". "É certo que se ten que axustar", recoñece, pero non pode ser “un obxectivo en si mesmo”.

Beiras denunciou que o PP "continúa a atacar á cidadanía do común mantendo unhas políticas irracionais e fracasadas"

Pola súa banda, o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, denunciou que o PP "continúa a atacar á cidadanía do común mantendo unhas políticas irracionais e fracasadas" que lles serve de “coartada para acabar cos servizos sociais no noso país para dar negocio aos seus amigos que son os que despois pagan os sobresoldos”. Beiras cualificou a sesión de “simulacro de pleno” e dixo que se os deputados do seu grupo non se ausentaban “deste pitorreo” é "por respecto á institución parlamentaria e á cidadanía" xa que a información relativa ao pleno foi remitida aos grupos da oposición apenas 24 horas antes da sesión e as intervencións da oposición limitouse a unha única de dez minutos. O voceiro de AGE acusou tamén o goberno galego "de mentir" xa que "unha vez máis tentan enganar á cidadanía en canto a débeda cando a realidade é que o goberno do PP sumou xa máis do dobre do endebedamento de Galicia desde o inicio da democracia".

Jorquera salientou que este pleno foi convocado "para que a Cámara galega diga Amén ao acordado pola Xunta"

Mentres o BNG denuncia que "a Xunta aplicará novos recortes no orzamento do ano 2014 para cumprir o déficit marcado polo Goberno central no vindeiro exercicio" e que o teito de gasto defendido polo PP “impedirá a recuperación económica de Galiza”. O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, salientou que este pleno foi convocado "para que a Cámara galega diga Amén ao acordado pola Xunta". Na súa opinión, desta maneira, “fica reducida a potestade do Parlamento” para decidir un aspecto básico das políticas públicas como son as políticas orzamentais, un exemplo máis, dixo da “degradación que se está facer da democracia”. Jorquera acusou o PP de ser “cómplices de que a autonomía financeira de Galiza fique reducida a auténtico papel mollado”, aceptando un modelo financeiro "que a condenou á dependencia crónica  das transferencias do Estado e doutra, asumen uns límites de déficit claramente prexudiciais que imposibilitan desenvolver políticas anticíclicas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.