Publicar o DOG sáelle 40.000 euros máis caro á Xunta dende hoxe

Vista da versión web do DOG © Xunta

Un total de 37.267,50 euros. É o incremento de gasto que a Xunta afronta dende hoxe no contrato anual para a elaboración do Diario Oficial de Galicia (DOG), o boletín do Goberno galego que se edita só en formato electrónico dende 2011, ano no que a Xunta o adxudicou por primeira vez por 684.000 euros. Esta suba do 5% prodúcese despois de que a Consellería de Presidencia tivese que organizar un procedemento negociado sen publicidade -no que o Executivo convida unha serie de empresas a optar a un contrato público- porque o proceso de contratación ordinaria quedou deserto. Tal e como informou Praza Pública esa circunstancia deuse a comezos de novembro porque a única empresa que concorrera ao concurso, Producciones MIC -unha editorial madrileña con sedes en Barcelona, Valladolid e Balears- e que resultara adxudicataria, non presentou en prazo a documentación que a Xunta lle requiriu. Así e todo, será esta mesma compañía quen se encargue do servizo durante un ano.

Segundo consta na documentación oficial de Presidencia as empresas convidadas a participar neste "procedemento negociado sen publicidade, sen mesa de contratación e con declaración de urxencia" foron tres, pero só Producciones MIC respondeu á oferta. Ao contrario do que acontecera na anterior ocasión, desta volta a editorial si achegou a documentación que se lle pediu -fíxoo o día 12 de novembro- e, polo tanto, encoméndaselle que realice os "traballos de composición, maquetación, corrección e correcta publicación na web" do DOG dende o 1 de decembro. Farao por 596.088,85 euros máis IVE, isto é, por 721.267,50 euros ou, o que é o mesmo, polo importe de licitación -cantidade máxima que a Administración estaba disposta a pagar-.

A empresa adxudicataria realizará por máis de 700.000 euros un servizo para o que se ofrecera por menos de 500.000

Á vista do acontecido é posible afirmar que o atraso na presentación de documentos resultoulle, co tempo, notablemente rendible á empresa a adxudicataria e sensiblemente gravosa ás arcas públicas. No primeiro concurso Producciones MIC ofrecíase a xestionar o DOG por 405.358 máis IVE euros, abaratando en máis de 200.000 o prezo de licitación malia ofrecer máis persoal do mínimo establecido. Dada a gran diferenza existente entre oferta e licitación, a Xunta considerou que podería estar a incorrer "nunha baixa desproporcionada ou temeraria", isto é, ofrecendo unha oferta tan barata que provocaría que non puidese prestar o servizo en condicións.

Ante esta eventualidade, a Consellería reclamou que a empresa xustificase documentalmente que podería facer o traballo aforrando tanto. Así o fixo e o Goberno galego considerou "suficientemente xustificada" a baixa e por iso llo adxudicou. Pero Producciones MIC non presentou os documentos a tempo e provocou o devandito procedemento urxente e negociado sen publicidade do que, finalmente, resultou gañadora. Así as cousas, finalmente realizará por máis de 700.000 euros un servizo para o que se ofrecera por menos de 500.000, co conseguinte impacto no erario galego.

Cabeceira do DOG © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.