Que cadro marcar na declaración da renda?

Presentación da campaña polo 'X Solidario' © Coordinadora Galega de ONGD

Á hora de realizar a declaración da renda, os cidadáns teñen unha pequena posibilidade de elección sobre o destino dos seus tributos. Un 0,7% do total pode ir destinado á Igrexa Católica, ser dixido a fins sociais a través de ONGs, darlle esa pequena cantidade aos dous recadros ou optar por non marcar ningún dos dous, encamiñando a totalidade da súa achega ás contas xerais do Estado. Todos os anos distintos colectivos (nomeadamente a Igrexa e as ONGs) levan a cabo campañas para solicitarlles aos contribuíntes que escollan a súa casiña. E mesmo outros, como Europa Laica, que piden que os cidadán non escollan ningunha das dúas, por mor da existencia de ONGs de confesión católica que constribúen, denuncian, financiar indirectamente a Igrexa Católica.

CERMI-Galicia: “Existe unha total transparencia por parte das ONG á hora de xestionar os proxectos que se realizan e que non se destinan ás estruturas das entidades”

Hai uns días as entidades do terceiro sector galego representadas por EAPN-Galicia, CERMI-Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD presentaron a campaña deste ano, ao tempo que realizaban un balance dos resultados da campaña do paso ano. Destacaron quen en 2013 as achegas dos galegos e galegas a través deste 0,7% solidario sumaron case 15 millóns de euros. Porén, fixeron un chamamento a aqueles que optaron por entregar os seus cartos á Igrexa Católica e a aqueles que non marcaron ningún dos dous cadros. Lorena Seijo, membro da Coordinadora Galega de ONGD, lembrou que case a metade dos e das contribuíntes galegas non marcou o cadro de fins sociais, un total de 604.494 persoas, e que coa súa colaboración, os fondos que reciben estas entidades sociais poderían ter aumentado nunhs 12 millóns de euros. 

Pola súa banda, o presidente do CERMI-Galicia, Anxo Queiruga, explicou que os 14.427.225 euros recadados o ano pasado constitúen “un importante instrumento de política social para a loita contra a exclusión social”. Ademais, destacou que “existe unha total transparencia por parte das ONG á hora de xestionar os proxectos que se realizan e que non se destinan ás estruturas das entidades”. Por último, criticou que o Goberno decidira "no último momento, e de forma unilateral", cambiar o nome do recadro de Fins Sociais, que agora pasa a chamarse cadro de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social.

No conxunto de España o pasado ano o 36% dos e das contribuíntes marcaron o cadro de fins sociais, o 19% marcou o da Igrexa Católica, un 16% marcou as dúas opcións, e outro 29% optou por non marcar ningunha delas

No conxunto de España o pasado ano o 36% dos e das contribuíntes marcaron o cadro de fins sociais, o 19% marcou o da Igrexa Católica, un 16% marcou as dúas opcións, e outro 29% optou por non marcar ningunha delas. Nos últimos ano a porcentaxe de persoas que escolle clicar o cadro de fins sociais (en exclusiva ou de forma compartida coa achega á Igrexa) mantén un incremento constante. En 2007 foron un total de 7.729.789 contribuíntes, e en 2013 esta cifra ascendera até as 10.030.297 persoas, a pesar de que o número total de declaracións presentadas (19.398.937) descendera con respecto ao ano anterior.

 

A posición de Europa Laica

Europa Laica denuncia que tamén a través da asignación de Fins Sociais a Igrexa Católica recibe fondos, indirectamente, a través de ONGs confesionais que xestiona ou apoia

Pola súa banda, a entidade laicista Europa Laica iniciou hai uns días a súa propia campaña, para solicitar que os cidadáns e cidadás non marquen ningún dos dous cadros. A organización denuncia que tamén a través da asignación de Fins Sociais a Igrexa Católica recibe fondos, indirectamente, a través de ONGs confesionais que xestiona ou apoia (como Cáritas, entre outras). Europa Laica sinala que o cadro de fins sociais "é a burda e inxusta coartada para manter o financiamento do culto, o clero e o proselitismo da Igrexa Católica  e, ao mesmo tempo, financiar outras fundacións e entidades da propia Igrexa, que saca beneficio de ambas as dúas casiñas".

Europa Laica: "Os fins sociais non deben depender da 'vontade maior ou menor', cada ano, dos contribuíntes, senón que deben formar parte das políticas públicas, dentro dos orzamentos do Estado"

A plataforma tamén sinala que "os fins sociais non deben depender da 'vontade maior ou menor', cada ano, dos contribuíntes, senón que deben formar parte das políticas públicas, dentro dos orzamentos do Estado" e que "a acción social como dereito (non como caridade), debe financiarse de forma directa polas institucións do Estado". Conclúe que "se hai entidades privadas que presentan programas específicos de apoio solidario, como xa se fai, que se lles facilite financiamento directo desde os presupostos estatais, autonómicos e locais, cos controis públicos adecuados". 

 

O financiamento da Igrexa

Cáritas só recibe o 2,5% de todos os cartos que recada directamente a Igrexa a través do cadro destinado a este fin na declaración da renda

A Igrexa tamén foi criticada nesta cuestión pola forma en que, internamente, reparte os fondos recibidos. A Igrexa fai bandeira da actividade de Cáritas e doutras organizacións sociais que xestiona ou apoia, á hora de solicitar a axuda económica do Estado, ou de demandarllelo directamente aos contribuíntes. Porén, recentemente denunciouse que Cáritas só recibe o 2,5% de todos os cartos que recada directamente a Igrexa a través do cadro destinado a este fin na declaración da renda. Os fondos da casiña do IRPF destinada á Iglesia van directamente ao Fondo Interdiocesano de la Conferencia Episcopal, e dos 247 millóns recadados o ano pasado, Cáritas só recibiu seis millóns.

A maior parte deste diñeiro está destinado a sustentar a estrutura da organización da Igrexa. Só o 2% dos cartos destináronse a accións sociais e solidarias

Un informe da Fundación 1º de Maio do ano 2012 analizou e debullou con detalle o destino dos cartos públicos recibidos pola Igrexa Católica a través do IRPF, un total de 278 millóns de euros en 2011, denunciando que a maior parte deste diñeiro está destinado a sustentar a estrutura da organización, os salarios de cregos, monxas e persoal administrativo, e aos gastos xerais das súas propiedades e edificios. Un 16% dos cartos destináronse a actividades pastorais, e un escaso 2% a outros gastos, entre o que se inclúen as accións sociais, solidarias e o financiamento de Cáritas ou Manos Unidas.

Estas dúas organizacións obteñen o seu financiamento principal por outras vías, ben a través do cadro de fins sociais (17 millóns de euros para Cáritas en 2011), ben a través da Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (4,5 millóns de euros para Manos Unidas), ben a través de asignacións e subvencións entregadas polas comunidades autónomas e concellos (54 millóns de euros para Cáritas, 6 millóns de euros para Manos Unidas).

En calquera caso, o que semella estar claro é que a Igrexa obtén financiamento por todas as vías posibles, sexa directamente, sexa a través de Cáritas, sexa a través dos Orzamentos Xerais do Estado. Este informe tamén lembraba a exención do pagamento de impostos (tanto do IBI, coma do IRPF, coma de Patrimonio), do que goza a Igrexa. E, sobre todo, os arredor de 3.900 millóns de euros que recibe a través das subvencións e concertos dos centros de ensino privado que xestiona, ou os 700 millóns que o Estado paga para financiar o profesorado da materia de Relixión.

Presentación da campaña polo 'X Solidario' © Coordinadora Galega de ONGD

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.