Que facemos coas vivendas baleiras?

Manifestación contra os desafiuzamentos en Ferrol © Susete Ferrol

Na primeira metade de 2013 producíronse en Galicia 1.242 lanzamentos, cantidade que reflicte as vivendas que deixaron de ser habitadas por orde xudicial, xa sexa por non facerlle fronte aos pagamentos dun crédito hipotecario ou dun alugueiro. Estes datos do Consello Xeral do Poder Xudicial cadraron practicamente no tempo con outros analizados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e referentes ás vivendas baleiras. Segundo o INE, en Galicia había en 2011 -último dato dispoñible- case 300.000 vivendas sen habitantes.

Como informou Praza Pública, case o 20% das vivendas galegas está sen habitar, son 299.396 que deixan o país cinco puntos por riba da media estatal. Estas cifras supoxen un incremento do 8,7% a respecto do anterior censo de poboación e vivendas, realizado en 2001, cando se contabilizaron 70.036 casas baleiras menos. Neste contexto, algúns concellos superan a media galega e teñen máis de dúas de cada dez casas sen xente. É o caso, por exemplo, de Lalín (28,2%), Ames (23,2%), Ribeira 23,1%, Vilagarcía (22,3%), Arteixo (22,2%), Carballo (22,2%), Ourense (21,7%) ou Lugo (20,7%).

Case o 20% dos inmobles do país non teñen habitantes

Neste contexto cabe preguntarse que se pode facer cun parque de vivendas baleiras tan voluminoso, máis aínda cando os desafiuzamentos son un notable problema social. A cuestión de como resolver o tan coreado principio de "casas sen xente, xente sen casa" está, dunha maneira ou doutra, na axenda política galega, tal e como se puido observar hai poucos días no Parlamento. Na última sesión plenaria o PSdeG impulsou unha iniciativa para reclamar que a Xunta "penalizase" o "desuso" da vivenda "nos casos e circunstancias en que se considere necesario".

Iniciativa para penalizar o "desuso"

"Somos conscientes das dificultades e das características especiais da nosa comunidade en materia de vivenda" como a "existencia dun importante número de vivendas de residentes ausentes" e "outras que deben ter un trato diferenciado", sinalaba a iniciativa, asinada por Xosé Sánchez Bugallo. Con todo, apuntaba, a cifra de vivendas sen habitar resulta "escandalosa", sobre todo "se se pon en relación" co número de desafiuzamentos rexistrados no país. Autonomías con gobernos "de distinto signo político veñen abordando normativas, fundamentalmente no eido da fiscalidade" para atallar este problema e por iso, subliñaba, cómpre "gravar ou penalizar ditos inmobles para procurar a súa saída ao mercado inmobiliario".

O PP desbotou o plan para gravar as vivendas baleiras, apoiado por toda a oposición

A proposta socialista foi ben acollida polo resto da oposición parlamentaria, que tanto pola banda de AGE como pola do BNG, que realizaron cadansúas achegas para reclamar, por exemplo, a elaboración dun estudo detallado sobre as vivendas baleiras ou a aplicación de sancións concretas, tales como un recargo no Imposto de Bens Inmobles ou mesmo a "expropiación do uso", na liña do impulsado pola Junta de Andalucía. Pero ningunha destas propostas tivo eco na maioría gobernante, nin sequera a socialista, que non pretendía "expropiar", senón só "penalizar se fose necesario", aclara Bugallo.

"Aí non nos van atopar", advertiu o voceiro do PP no debate, Jaime Castiñeira, "sorprendido" coa proposta de aplicar sancións. As leis recoñecen o dereito á "vivenda digna" pero non a a posibilidade de "expropiala ou darlla a outro", xa que iso implicaría poñerse ao carón de "réximes como o de Venezuela" ou do decreto andaluz, que tamén censura. Así as cousas, a maioría absoluta popular impediu abordar o asunto mentres, dende as filas da oposición, se ironizaba coa posibilidade de que a formación conservadora elixise a Castiñeira para escenificar o rexeitamento por ser el, precisamente, propietario dun bo número de inmobles.

Manifestación contra os desafiuzamentos en Vigo Dominio Público @PAHVigoTui

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.