Que facer co monte?

Alberte Piñeiro, na presentación do informe © Fundación Barrié

Galicia conta cunha superficie forestal de máis de dous millóns de hectáreas, pero unha parte non pequena (ao redor dun terzo) está mal xestionada ou nunha situación de abandono, unha situación que facilita a acción do lume. Un grupo de antigos bolseiros da Fundación Barrié, xunto con ducias de expertos galegos e doutros territorios en ordenación territorial e xestión forestal, ademais de profesionais do sector, elaborou ao longo do pasado ano un completo informe de actuacións urxentes sobre o monte, pensadas para evitar o seu abandono e incrementar o seu rendemento económico. Co convencemento, ademais, de que o monte que é rendible economicamente non arde.

O informe partiu, ademais, dun encargo expreso do presidente da Xunta en 2012, e hai seis meses os seus responsables, entre eles Alberte Piñeiro, xefe do Distrito Forestal IV-Barbanza, entregáronlle o documento definitivo a Alberto Núñez Feijoo, que se comprometeu a seguir as súas indicacións. As conclusións do estudo foron ademais publicadas no número 199 de Grial, presentado o mes pasado. O estudo, titulado O próximo verán volverá a arder Galicia, propón dez medidas de carácter urxente que, aseguran, cun investimento de 485 millóns de euros, terían un impacto económico de 2.700 millóns e crearían 21 mil postos de traballo, duplicando a achega do sector forestal ao PIB galego, que na actualidade supera por pouco o 3%.

O documento aposta, en primeiro lugar, por loitar contra o minifundismo existente no monte galego, promovendo o asociacionismo entre propietarios particulares. Alberte Piñeiro sinala a este respecto que "a principal eiva que temos en Galicia é a reducida superficie das propiedades. A media está nas dúas hectáreas por propietario e ademais dividas en oito parcelas diferentes. En Finlandia, por exemplo, a media é de 30 hectáreas". Tamén se avoga por incentivar fiscalmente tanto a particulares como a comuneiros e, pola contra, cobrarlles maiores taxas aos propietarios de montes abandonados ou mal xestionados.

Apóstase por potenciar o papel das comunidades de montes, dándolles máis autonomía para que xestionen as súas parcelas. Neste caso o labor da administración sería de supervisión

De igual xeito, apóstase por potenciar o papel das comunidades de montes, dándolles máis autonomía para que xestionen as súas parcelas. Neste caso o labor da administración sería de supervisión e, no caso de que nunha zona a comunidade non estivese constituída ou non fose quen de xestionar axeitadamente o monte, a Xunta debería facerse cargo deses terreos, alugándoos dun xeito semellante a como funciona o Bantegal. Piñeiro salienta que "hai que darlles ferramentas ás comunidades de montes para poder traballar" e que "hai que promocionar os casos de éxito que hai nas comunidades, que hai moitos". De igual maneira, aposta por potenciar outros usos económicos distintos á produción madeireira, como a recollida de cogomelos, castañas ou biomasa. Piñeiro sinala que o fundamental é "combater o abandono do monte", e lembra que a lei de montes en man común de 1989 prevé a declaración dun monte en estado de abandono, pero que no entanto, non se declarou ningún dende dende a súa entrada en vigor.

 

Certificación, investigación e comercialización

O informe tamén incide noutros aspectos, como son a necesidade de incrementar a certificación da madeira. A certificación foresta promove unha xestión forestal sustentable, acrecentando o valor de mercado dos produtos. Porén, en Galicia apenas o 7% da superficie forestal está certificada, fronte a medias do 40% na meirande parte dos países de Europa. 

"Temos un mercado da madeira pouco transparente. Hai madeireiros locais que dominan o mercado, saben que montes están para cortar e especulan co prezo. E os propietarios venden ao prezo que lles propoñen porque non coñecen cales son os prezos de mercado da madeira"

Outro elemento importante para incrementar os prezos que reciben pola madeira os propietarios pasa por mellorar o proceso de comercialización, para o que se propón a venda da madeira en lonxas semellantes ás do peixe, coma nos países nórdicos, para estabilizar os prezos e non facelos dependentes da especulación das empresas compradoras. Alberte Piñeiro sinala que "temos un mercado da madeira pouco transparente. Hai madeireiros locais que dominan o mercado, saben que montes están para cortar e especulan co prezo. E os propietarios venden ao prezo que lles propoñen porque non coñecen cales son os prezos de mercado da madeira".

A outra medida para mellorar o funcionamento do sector é o impulso do I+D+i, para o que o informe propón constituír un Consello de Investigación Forestal, no que participarían todos os actores do sector: universidade, centros de investigación, propietarios, industria, organizacións ecoloxistas... E entre todos habería que debater que necesidades ten o sector a medio prazo no ámbito da investigación.

 

Convencidos da súa aplicación

Alberte Piñeiro amosa a súa confianza en que a Xunta seguirá algunhas das recomendacións contidas no informe e destaca a metodoloxía empregada na súa realización: "Houbo moita participación, de moita xente, e creo que esta é a metodoloxía que habería que empregar para revisar o plan forestal, buscando que participen todos os actores do sector e todos os partidos políticos. Houbo grandes doses altruísmo, de voluntarismo, e un proceso dialogado para chegar a unhas conclusións que compartísemos todos".

"Isto ten que servir para mudar a mentalidade sobre o monte, temos que deixar de asociar monte con incendios, o monte ten que equivaler a medio ambiente, a aproveitamento social, uso recreativo e uso económico"

Engade que varias das propostas contidas no informe xa están a ser estudadas ou postas en práctica pola Xunta: "por exemplo propúxose xa un anteproxecto de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, no que se toman algunhas das medidas que teñen que ver co abandono do monte. E hai outro plan, que é o plan de fomento da biomasa, que tamén está entre as medidas propostas. Tamén está en marcha a revisión do plan forestal de 1991, que tamén foi proposto por nós".

Piñeiro conclúe que "o monte é como unha vaca, que para que dea leite temos que darlle de comer. Para que o monte dea os seus produtos, os seus xestores deben investir. Isto ten que servir para mudar a mentalidade sobre o monte, temos que deixar de asociar monte con incendios, o monte ten que equivaler a medio ambiente, a aproveitamento social, uso recreativo e uso económico".

Capa do número 199 da revista Grial © Editorial Galaxia
Monte en Liñeiriños (Vigo) Dominio Público O monte non se vende

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.