"Queremos ser o xermolo do gran grupo lácteo galego sen incorrer en erros do pasado"

Cartóns de leite nunha planta de Feiraco © Feiraco

José Montes foi unha das catro caras visíbeis que o pasado luns escenificou o primeiro paso da gran cooperativa láctea galega. Presidente de Feiraco, a súa empresa é a meirande cas impulsoras, ás que se irán engadindo outras para sumar nunha iniciativa que pretende ser "o xermolo do gran proxecto lácteo galego". Non agocha as intencións este veterano que advirte que as negociacións duraron sobre dous anos e fóronse cocendo aos poucos. "Non queremos incorrer nos erros do pasado", asegura. 

Levaban moito tempo con esta idea da integración das cooperativas?

Este é un proxecto que se vén cociñando desde hai tempo. Levamos sobre dous anos, foi feito aos poucos porque non queremos incorrer nos erros do pasado. No sector lácteo e primario galego fixéronse moitos intentos de integración pero todos foron acabando mal e isto púxonos nunha lóxica situación de intriga e preocupación. Queremos que sexa definitivo, por iso naceu a partir de Agaca e foi prosperando paseniñamente pero con firmeza, iso é o que máis nos preocupa.

"Este proxecto naceu hai dous anos, aos poucos, porque non queremos incorrer nos erros do pasado"

E xorde unha gran cooperativa láctea...

Hai que entender ben que isto non abrangue só o sector lácteo, senón a toda a actividade económica que o arrodea. Na mente de todos está a produción de leite, pero temos forraxes e todas as cooperativas impulsoras somos produtores de pensos. O lácteo é fundamental pero hai que potenciar o resto.

Será este o xermolo do ansiado gran grupo lácteo galego?

Na mente de todos está que isto sexa o xermolo do gran proxecto lácteo galego, por algo as catro cooperativas representamos o 20% da produción leiteira de Galicia, máis de 400 millóns de litros ao ano. Se a isto lle engadimos que hai outras sociedades cooperativas que están ás portas...

"Na mente de todos está que isto sexa o xermolo do gran proxecto lácteo galego"

Xa ás portas?

Hai cooperativas que xa desde o inicio do proxecto están abertas a integrarse, pero pareceunos ben que fósemos estas catro as que iniciásemos a posta en marcha porque era máis doado por temas xurídicos e administrativos e tamén porque xa había unha certa afinidade ao ter participado noutros proxectos xuntas. Tiñamos experiencia de compartir certos servizos e todo foi máis doado, pero o proxecto é de ámbito cooperativo xeral, naceu no ámbito de Agaca e irá a máis.

Cando se incorporarán máis cooperativas?

A idea é incorporar máis cooperativas antes do primeiro de xaneiro, algunhas que xa están predispostas e que cumpren o mínimo de facturación esixido. De aprobárense nas asembleas das catro fundadoras a integración, á semana seguinte, a primeira de novembro, teremos xa unha reunión coas cooperativas interesadas. Así que, é para xa.

"Todos as cooperativas no ámbito de Agaca están convocadas a formar parte do proxecto"

A quen vai enfocado este grupo cooperativo?

No ámbito de Agaca agrupamos 192 cooperativas e estas todas están convocadas a formar parte do proxecto, pero algunhas xa están participando noutros, así que o paso posterior sería integrar todo nun proxecto común. Tamén  hai cooperativas de horta, de carne e de todo tipo e estas, se cadra e polo momento, non se incorporan. Pero é cuestión de ir madurando as cousas. Teñamos en conta que de todas elas, só Feiraco procesa o leite.

"A estabilidade e a mellora da rendibilidade das explotacións; ese é o noso primeiro obxectivo"

Será esta integración unha solución para os baixos prezos que se lles paga aos gandeiros polo leite?

O dos prezos é moi difícil porque quen os pon é o mercado. Acabamos de estar en Europa visitando os grandes proxectos cooperativos que hai e xa alí nos aclaran que niso eles pouco poden facer, pero si na estabilidade e na mellora da rendibilidade das explotacións. Ese é, basicamente, o noso primeiro obxectivo.

"O que nos preocupa é que as marxes do gandeiro aumenten; se é vía prezo, fenomental, pero abaratando custos xa estamos mellorando"

Beneficiaranse as explotacións axiña?

Se abaratamos custos de producion xa estamos mellorando os prezos. Comprando en grandes cantidades e conxuntamente, estamos aforrando. O que nos preocupa é que a marxe do gandeiro aumente; se é vía prezo, fenomenal, pero se é doutra maneira, tamén. Hai moitas formas de facelo se reducimos prezos, aumentamos a calidade do produto...

"O camiño foi fácil porque é costa abaixo; todo o mundo era consciente de que tiñamos que facer algo"

Foi duro o camiño para esta integración?

O camiño foi fácil porque é costa abaixo. Todo o mundo é consciente, todos sabiamos que tiñamos que facer algo. Levabamos máis de dous anos con este proxecto e fíxose con tino, determinando se era mellor unha sociedade limitada ou unha cooperativa de segundo grao, valorando diferentes aspectos económicos... Encargamos estudos a empresas externas para non mediatizalo nin influír desde as diferentes empresas.

Cal será o nome definitivo da gran cooperativa galega?

O nome non está decidido pero decidirémolo. Será un nome galego, achegado á terra, pero non temos nada máis. Cada unha das marcas e as súas denominacións van seguir existindo; no caso da cooperativa, veremos cal será a denominación.

José Montes, presidente de Feiraco © Feiraco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.