Rajoy evita aclarar se pedirá o rescate, pero Monti non o descarta

Mario Monti e Mariano Rajoy, na Moncloa © Gobierno de España

Nin si, nin non, nin todo o contrario. O presidente español, Mariano Rajoy, e o primeiro ministro italiano, Mario Monti, evitaron responder ao responsable do Banco Central Europeo (BCE), Mario Draghi, que aprazou unha hipostética intervención nos mercados para deter o acoso contra débeda ata que os estados pidan axuda e, xa que logo, acudan ao fondo de rescate. Pero a resposta foi diferente, mentres o xefe do Executivo italiano dicía que terían que "estudar" se o "facían ou non", o presidente do Goberno español evitaba responder.

Rajoy louva as palabras de Draghi, malia que provocaron unha pésima reacción dos mercados

Incluso Rajoy louvou os "aspectos moi positivos" das declaracións de presidente do BCE, malia que de seguido provocaron a suba da prima de risco e a caída do Ibex. O xefe do Executivo amosouse contento co feito de que Draghi recoñecese que a prima de risco estivese excesivamente elevada, así como que a "fragmentación" do mercado financeiro fose un problema. No entanto, non quixo dicir se ía solicitar o rescate para activar as accións que promete o BCE.

E non se atreveu porque sabe o que hai. Pedir ao fondo de rescate que compre débeda no mercado secundario implica outro memorándum, máis condicións para España, ademais dunha votación do Eurogrupo.

"As axudas poderían ser necesarias, quizais, pola lentitude coa que os mercados comprenden os esforzos realizados e os resultados logrados", advertira xa Monti, o que abriu unha porta á petición dun rescate do que España non quere nin oír falar porque agarda poder aplicar a solución que tamén propón Italia: un escudo contra a prima de risco, un tope a partir do cal o fondo compraría esa débeda sen que nin sequera fose necesario pedilo, sempre a cambio de aplicar as duras reformas e recortes pactados.

O caso é que Mario Draghi, presidente do BCE, aclarou que definirá "nas vindeiras semanas" cal é o mecanismo para a compra de bonos, pero a esixencia de que os estados soliciten o rescate para activar a compra de débeda provocou que o Ibex caese por riba do 5% e que a prima de risco alcanzase preto dos 600 puntos, cun bono a dez anos que volveu superar o 7%.

Mentres, para o líder do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, as palabras de Draghi son "unha patada ao euro no cu de España e Italia".

Mario Monti e Mariano Rajoy, na Moncloa © Gobierno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.