Rajoy pedirá compaixón a Merkel para evitar un duro rescate nun día decisivo

Rajoy, con Angela Merkel en Chicago © Goberno de España

Outro día clave máis para a economía española... E van moitos. Se cadra, a xornada deste xoves si é fundamental. Terá lugar unha importante xuntanza do Banco Central Europeo (BCE) na que semella que se aprobará a compra de débeda española a poucos anos e malia a oposición do BundesBank. Ademais, Mariano Rajoy reunirase coa chancelera Angela Merkel e, ao mesmo tempo, o Tesouro Público tentará captar entre 2.500 e 3.500 millóns noutra poxa. Case nada.

Draghi anunciará a compra de débeda española, pero sempre que o Estado solicite outro rescate

Segundo adiantou Bloomberg, a proposta realizada por Draghi para comprar débeda soberana non incluirá límite na rendibilidade dos bonos que active a actuación da autoridade monetaria, o que significa que deberán ser os países os que o pidan pero sempre baixo unhas condicións que se unirían aos axustes sufridos pola sociedade española desde hai xa meses. Ou se pide un rescate ou non se merca débeda. É así.

O presidente do Consello Europeo, Herman Van Rompuy, apoiou "plenamente" a intervención do BCE para frear a fragmentación da eurozona, do mesmo xeito que o fixo o seu homólogo da OCDE, Ángel Gurría, que cre que a institución dirixida por Mario Draghi debe actuar naqueles países que están a facer os deberes, algo que considera que está a ocorrer no Estado. Pero non todos están de acordo ademais do Bundesbank, como se escoita desde, por exemplo, o Goberno finés.

Rajoy intentará convencer a Merkel para que o agardado rescate sexa suave e para que as condicións non sexan duras

Pero o prato forte chegará na Moncloa, onde se reunirán o presidente do Goberno central e a chancelera alemá, Angela Merkel. O obxectivo de Mariano Rajoy non é outro que intentar convencer á líder alemá para que o agardado rescate sexa suave. Para logralo, insistiralle en que o Estado está cumprindo co pactado, está a levar a cabo importantes reformas e non debería asumir máis condicións. O ministro de Economía veno de advertir: "España está a facer o que e Alemaña fixo en dez anos".

Pero para o xefe do Executivo, non só é unha cuestión económica, senón tamén electoral. A pouco máis dun mes das eleccións galegas e vascas, a aplicación de recortes e axustes a unha sociedade xa afogada poríanlle moi complicada a reelección de Núñez Feijóo na Xunta, á marxe do temor a un clima social cada vez máis complicado.

Rajoy sabe ademais que Merkel será esixente, máis aínda despois de escoitar críticas por parte do Goberno español ás súas decisións. Pero a clave é que o Executivo español precisa moito máis a Alemaña que Alemaña a España. E aí na Moncloa terán que achantar. E precisa axuda rápido, tal e como aclarou o presidente na prensa alemá.

Rajoy sabe que máis recortes quentarían a rúa e complicaríanlle as eleccións en Euskadi e Galicia

Merkel si semella que fará unha declaración rotunda a prol de España e do euro para calmar os investidores e a prima de risco pero, se o fai, será difícil que cumpra o segundo desexo de Rajoy: que o rescate sexa moi suave e que as condicións non sexan excesivamente duras. A suba do IVE e os continuos axustes impostos por Berlín xa abondan, pensa o Goberno, que teme moito que agora lle toque recortar as pensións, o que sería unha pésima noticia para a sociedade, pero tamén para as expectativas electorais do seu partido. Mentres, o 15-M recibirá á líder xermana entre críticas e marchas de protesta.

Ademais, o Tesouro Público tentará captar este xoves entre 2.500 e 3.500 millóns na poxa. O Tesouro emitirá bonos a 3 anos e vencimiento a 30 de xullo de 2015, bonos a 4,2 anos e vencimiento a 31 de outubro de 2016 e bonos a 1,7 anos e con prazo de devolución até o 30 de abril de 2014. A última poxa, celebrada o pasado 27 de agosto, pechouse coa adxudicación de 3.600 millóns.

Rajoy, con Angela Merkel en Chicago © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.