Rajoy viste os antidisturbios en El Corte Inglés

Un axente de Policía saúda a Rajoy, no Congreso © Goberno de España

Emblemas de PVC resistentes ao envellecemento, fío vermello e gualda con "excelentes solideces á tintura" ou "barras de especialidade" que identifican a cada unidade cunha cor determinada: azul mariño para a "xefatura", vermello para Madrid, gris para Barcelona ou branco para "La Coruña-Vigo". Son algunhas das características incluídas no contrato que vén de adxudicar o Ministerio do Interior para vestir a algúns dos membros das "Unidades de Intervención Policial do Corpo Nacional de Policía", isto é, os e as axentes antidisturbios, e no que o Goberno central gasta case 150.000 euros, nomeadamente 149.451,01.

O pasado día 16 formalizábase este contrato con El Corte Inglés, S.A., que non tivo que presentar unha oferta especialmente competitiva para facerse con este subministro. Non en van, non rebaixou nin en 100 euros o importe de licitación -prezo máximo que está disposta a pagar a Administración-, fixado en 149.529,60 euros-. A única "vantaxe" identificada por Interior na oferta da coñecida cadea de centros comerciais é que foi "a única empresa presentada" e que "cumpriu os pregos de bases", isto é, as características dos produtos solicitados.

Concretamente a división económica da Policía vén de adquirir elementos de vestiario que é habitual ver pola rúa en tempos convulsos como os actuais. Trátase de elementos de vestiario que os antidisturbios empregan nas súas accións ordinarias como gorras -o Goberno de España merca 500, a 13 euros cada unha-, 800 camisas de manga longa -40 euros-, outras tantas de manga curta -a 30,40 euros a unidade-, 140 forros polares de 85 euros cada un, 800 pantalóns de inverno, a 35 euros, e 800 pantalóns de verán, a 30 euros.

Antes de facerse coa adxudicación El Corte Inglés tivo que presentar informes dos "ensaios realizados ás materias primas" coas que elabora a roupa dos efectivos policiais, "avalados por un laboratorio acreditado". Nestas probas Interior esixe coñecer a "resistencia" dos tecidos empregaos "á tracción", á "luz artificial", á suor ou ao "lavado a 40 graos", os efectos do "envellecemento" na roupa ou mesmo a precisión á hora de reproducir os emblemas policiais.

 

 

Esquemas da roupa dos axentes incluídos no prego CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.