Rodrigo Rato abandona o barco. O presidente de Bankia e BFA anuncia a súa intención de dimitir dos seus cargos nas dúas entidades e propón a José Ignacio Goirigolzarri, ex conselleiro delegado de BBVA, como o seu substituto. O ex ministro de Economía e máximo dirixente do FMI deixa a entidade xusto unhas horas despois de que o Goberno filtrase que o banco recibirá un apoio público de 7.000 e 10.000 millóns de euros a través do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) e tamén de que Rajoy deixara a porta aberta á inxección de cartos públicos nos bancos.
Rato deixa Bankia só horas despois de que se filtrase o rescate público da entidade
De feito, as filtracións aclaraban que Bankia levará a cabo un profundo plan de saneamento dirixido polo Executivo e o Banco de España e que incluía “cambios organizativos de xestión de alto nivel”. Dito e feito. Rato marcha e asegura a través dun comunicado que decide delegar as súas responsabilidades nun novo xestor “por estimar que é o máis conveniente para a entidade”
Ademais, Rato repasa na nota escrita en primeira persoa os principais fitos alcanzados por BFA e Bankia desde o seu nomeamento como presidente de Caja Madrid desde xaneiro de 2010. "Afrontamos unha das conxunturas máis críticas que xamais sacudiu ao sistema financeiro español", destacou o aínda presidente da entidade, tras presumir que liderou con éxito “a maior integración financeira de España xunto a outras seis caixas de aforro”.
O banqueiro que propón Rato para o seu posto é Goirigolzarri, cunha pensión anual do 80% do seu soldo base tras a súa marcha do BBVA, uns 4,28 millóns de euros en 2008. Unha vez cumpra os 65 anos, percibirá 53 millóns de euros asignados polo banco en concepto de xublación.
Rajoy xa anunciara pola mañá que habería decisións "importantes" sobre Bankia no vindeiro Consello de Ministros
Unhas horas antes de estoupar a crise en Bankia e anunciarse a dimisión de Rato, Mariano Rajoy anunciou nunha entrevista a intención de inxectar diñeiro público nalgunhas entidades financeiras para sanealas, "pero só se fose necesario e en última instancia". Farao. Na mesma conversa, e ao ser preguntado por Bankia, anunciou que o vindeiro venres se aprobarán previsiblemente en Consello de Ministros decisións "importantes". O apoio con cartos públicas á entidade bancaria será de entre 7.000 e 10.000 millóns, segundo diversas fontes, a mesma cantidade que o Goberno anunciou que recortaría en Sanidade e Educación.
Os rexeitamentos a este rescate de Bankia non se fixeron agardar. O secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, advertiu que rexeitará ese apoio con diñeiro público "a fondo perdido" e reprochou ao Goberno que non informe ao primeiro partido da oposición dos seus plans para sanear esta entidade. "Ningún pensionista entendería que lle cobren polos seus medicamentos e a continuación haxa diñeiro público para pagar a un banco", dixo en rolda de prensa en Ferraz. "Ninguén entendería que haxa cartos para os bancos e non o haxa para os hospitais e as escolas", engadiu, nin que se regale diñeiro" aos bancos.
O PSdeG pide o mesmo trato para NCG Banco que para Bankia
En Galicia, o voceiro parlamentario do PsdeG, Abel Losada, pediu “un trato similar” do Goberno con Novagalicia Banco ao que amosa con Bankia. “Pedímoslle ao presidente Feijóo que faga valer o peso político da comunidade autónoma, o peso político propio como abandeirado da ortodoxia económica, para pedir un trato similar”, asegurou. “Ante a situación complicada de NCG Banco para buscar apoio e financiamento tanto público como privado, non entenderíamos por que algunhas institucións financeiras si (reciban apoio) e outras non.
"Pedímoslle a Feijóo que faga valer o seu peso político para pedir un trato similar a NCG Banco"
Ademais, Losada reclamoulle á Xunta “a pervivencia no posible da obra social” de NCG Banco por ser “claramente estratéxica” e di agardar que Feijóo non atope desta vez “algún chivo expiatorio para facer deixación de responsabilidades”.
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, asegurou que descoñece os termos da proposta de viabilidade para Bankia, pero, tras ser preguntado por se podería un plan similar ser a solución para Novagalicia Banco, respondeu que "a solución para Novagalicia Banco é a que presentan os seus xestores". "Confiamos en que teña o aval das autoridades financeiras europeas e españolas", sentenciou o portavoz popular.
Ademais, e tal e como anunica El Economista, NCG decidiu poñer á venda Banco Gallego co obxectivo de atraer o interese dos seus posibles compradores na posible subasta que se producirá despois do verán.