Renfe deixa varias localidades galegas sen outro tren directo a Madrid e Barcelona

Estación de tren de Ourense © Google

Renfe deixa varias poboacións galegas sen trens directos a Madrid e Barcelona os sábados, continuando así coa súa política de recortes á que se lle engaden a supresión de case a metade das prazas de turista que ofertaba para unir as dúas grandes cidades do Estado co país. Así o denuncia o sindicato CGT, que advirte que a compañía ferroviaria mantén tanto a redución de prazas como a supresión de días de circulación.

A CGT denuncia que se reduciron á metade as prazas en turista nos trens a Madrid

Segundo a central, a oferta en turista entre Vigo, Ourense e Coruña e Madrid pasou das 152 ás 88 actuais, o que supón unha redución do 50% e "minguar considerablemente a oferta das prazas máis económicas e empregadas por traballadores, mozos e mochileiros". Ademais, e segundo advirten, Renfe tamén mantén o recorte da circulación dos trens hoteis que unen Galicia con Madrid e Cataluña, que deixan de saír os sábados pola noite.

Até o de agora, a compañía tan só suprimira estes trens hoteis en datas concretas, como no medioada Semana Santa ou de pontes festivas longas. Non obstante, a CGT advirte de que os ferrocarrís hoteis nocturnos Vigo/Coruña-Barcelona e Pontevedra/Vigo/Coruña/Ferrol-Madrid deixan de funcionar definitivamente os sábados, afectando así a unha morea de localidades e comarcas onde facía paradas. En concreto, Vigo, O Porriño, Guillarei, Coruña, Betanzos, Curtis, Lugo, Sarria, Ourense, Monforte, San Clodio, A Rúa, O Barco, Ponferrada, Astorga, León, Palencia, Burgos Logroño, Zaragoza, Lleida e Tarragona no caso do primeiro; e Redondela, Guillarei, Lalín, Carballiño, Ourense, A Gudiña, Puebla de Sanabria, Zamora, e Ávila no caso do segundo.

Varias localidades e comarcas quedan sen un novo servizo logo da supresión doutros de media distancia en 2013

Xa no Nadal, estes trens hoteis deixaron de circular varios días (20, 21, 27, 28 de decembro e 3 e 4 de xaneiro), a pesar de ser xornadas "de moita demanda" e cos ferrocarrís diurnos "cheos". "Non entendemos como unha empresa pública recorta trens nos días de maior demanda, evidenciando a nefasta xestión que dende Madrid están a facer os executivos postos polos políticos", di a CGT, que advirte que esta supresión continúa cos recortes en servizos ferroviarios que xa iniciara o goberno do PP en xuño de 2013 e que supuxeron a supresión de 300 servizos de media distancia en Galicia. Por iso, exixe que o Executivo "repoña os trens e prazas suprimidos".

Estación de tren de Ourense © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.