Rueda anuncia 1,5 millóns de euros para ‘roubar’ empresas emerxentes a outras autonomías e que se instalen en Galicia

Rueda e o vicepresidente económico, Francisco Conde, no Consello da Xunta deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O Goberno galego aproba unha convocatoria de axudas para que ‘start ups’ con sede fóra “decidan trasladar aquí os seus proxectos e polo tanto os postos de traballo que supoñan”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este mércores, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta desta semana, que o Goberno galego vai destinar seis millóns de euros a unha convocatoria de axudas para financiar “20 proxectos innovadores” repartidos entre 15 de empresas galegas e cinco de start ups de fóra “que decidan trasladar aquí os seus proxectos e polo tanto os postos de traballo que supoñan”. Isto é, da convocatoria total uns 4,5 millóns millóns prevense para empresas galegas e 1,5 millóns para o traslado a Galicia de empresas foráneas.

a convocatoria anterior a Xunta xa apoiou a 15 empresas tecnolóxicas galegas, pero nesta prevé facelo tamén con 5 de fóra que se trasladen a Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

A convocatoria, segundo detallou Rueda, pretende “reter talento en Galicia e conseguir que o talento doutras comunidades autónomas poida instalarse aquí”. Para iso, a Xunta destinará ata 325.000 euros a cada proxecto seleccionado, aos que dará de prazo “este ano e o próximo para desenvolverse”.

Non é a primeira vez que a Xunta convoca este tipo de axudas de financiamento a empresas emerxentes, pero si a primeira vez en que orienta parte delas especificamente a deslocalizar empresas doutras autonomías. Así, se na convocatoria do pasado ano a Xunta xa apoiou 15 empresas galegas, agora suma a ese obxectivo o de atraer outras cinco empresas de fóra.

Segundo a Xunta, o seu obxectivo é financiar iniciativas “cun alto compoñente investigador e tecnolóxico”, para o que abre a convocatoria a proxectos que se presentasen ao programa estatal Neotec, de apoio á creación e consolidación de empresas de base tecnolóxica, e que non obtivesen financiamento por falta de crédito. “Como novidade", di a Xunta, "este ano tamén poderán concorrer a esta liña de axudas as mellores startups do resto de España, que tamén superasen os limiares establecidos na convocatoria de Neotec 2021, que trasladen a súa sede social e de traballo a Galicia”.

Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, nun acto en marzo no que avanzou a continuidade das axudas que agora se reservan en parte para captar empresas de fóra CC-BY-SA Xunta de Galicia

En 2019 había en Galicia 7.371 establecementos pertencentes a empresas con actividade en Galicia e sede social fóra

A convocatoria da Xunta prodúcese nun contexto de queixas do sector en Galicia pola fuga de persoal investigador. Canto ás actividades en Galicia de empresas en xeral con sede fóra, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), a partir da súa enquisa a empresas multilocalizadas, isto é, con sede fóra de Galicia pero actividade en Galicia, os principais factores que inflúen nas súas decisións de realizar investimentos veñen sendo nos últimos anos a evolución da demanda galega ou da demanda estatal, cun 25% e un 40% respectivamente, fronte a só un 4% que atribúen ás “dificultades para financiarse”.

Segundo esa enquisa, en 2019 había en Galicia 7.371 establecementos pertencentes a empresas con actividade en Galicia e sede social fóra, 181 establecementos menos que un ano antes. Deles, o 93,4% adícase a tarefas relacionadas coa prestación de servizos, mentres que o 6,6% restante enmárcase dentro do sector industrial, e no seu global deron traballo a 137.486 asalariados e asalariadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.