Rueda xustifica o recorte aos funcionarios e nega que Feijóo incumprise a súa promesa

Rueda, na comparecencia posterior ao Consello © Xoán Crespo

Nin se baixa o soldo nin Feijóo incumpriu as súas promesas. O vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, asegurou que o Goberno galego "comprende perfectamente" as protestas de funcionarios pola redución de salarios -dun 4% de media- que terán en 2013, porque se lles pide un sacrificio", aínda que remarcou que "o maior esforzo váiselle pedir" a aqueles coas retribucións máis altas, e que será "sensiblemente menor" para os demais.

"Comprendemos perfectamente as protestas dos funcionarios, é verdade que se lles pide un sacrificio e pídeselles un esforzo, pero eu quero pór de manifesto que as retribucións que van recibir os empregados públicos da Xunta o ano que vén van ser superiores ás de 2012, creo que é algo que ten que quedar perfectamente claro", así se referiu o vicepresidente do Goberno galego este sábado ás rebaixas salariais a funcionarios do próximo ano.

Rueda di agora que Feijóo dixo que aos funcionarios "non se lle pediría o mesmo sacrificio que en 2012"

Preguntado sobre o incumprimento da promesa de Núñez Feijóo, que asegurara que non realizaría máis recortes a funcionarios nin lles pediría máis sacrificios, Rueda aclarou que "o que a Xunta de Galicia dixo é que non se lle volvería a pedir aos funcionarios o mesmo sacrificio que no ano 2012". "A todos nos gustaría que esas medidas non se tivesen que aplicar", apostilou.

O vicepresidente da Xunta censura que EU e PSOE non critiquen recortes similares en Andalucía

Sobre as críticas da oposición, Alfonso Rueda afirmou que respecta "as que se faga de forma pacífica", pero dixo que "resulta moi curioso como o PSOE e EU aplicaron e están a aplicar estas medidas por exemplo en Andalucía e alí, por parte do Partido Socialista e de Esquerda Unida non recibiron a máis mínima crítica".

Feijóo, con Alfonso Rueda © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.