"Se non hai máis cargos do PP apoiándonos é polas presións de Louzán"

Manifestación de afectados polas preferentes CC-BY-NC-SA CIG

Xulio Vicente é o voceiro da plataforma de afectados polas preferentes do Baixo Miño, unha das zonas onde o corralito destes produtos atrapou máis aforradores. Cabeza visible en moitas mobilizacións, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, acusonou de ser un "provocador nato" e aludiu á súa condición de sindicalista da CIG para atacalo. "Se se compromete a devolverlle os aforros a todos os galegos, eu marcho para a casa e apártome", responde este portavoz, que cre que as declaracións do presidente provincial do PP contra a súa figura son "de carácter fascista" e "para desviar a atención".

Que tipo de mobilizacións e protestas levarán a cabo nos vindeiros días?

Seguiremos na mesma liña. Pechados en concellos, pedindo o apoio dos responsables políticos máis achegados e acudindo a todos os actos públicos que poidamos e onde se nos poida ver. Iso é o que nos queda, ademais de apoiar concentracións como a que se vai celebrar en Vigo a nivel de toda Galicia.

"A maioría dos alcaldes do PP en Pontevedra sofren presións para que non nos apoien"

Reciben o apoio público de cargos públicos, incluídos varios alcaldes do PP, pero a solución non dá chegado...

A nós a razón estánnola dando desde o primeiro día, pero o que queremos é que nos busquen unha solución e non que nos rouben. Dalgúns cargos políticos recibimos certo apoio, pero doutros recibimos obscenidades e barbaridades... Supoño que ben sabe vostede de quen lle estou falando. Ese señor anda un pouco perdido. Todo o mundo di que hai que buscar unha solución, pero a solución non aparece. Sabemos que a maior parte dos alcaldes e cargos do PP na provincia de Pontevedra están presionados.

Presionados desde onde? Desde Madrid?

Ou desde Pontevedra. Cada vez que hai un acto de protesta nun pleno ou nun concello, o señor Rafael Louzán convoca unha xuntanza cos alcaldes do PP da provincia.

"Louzán precisa un cabeza de turco e desviar a atención; como non ten argumentos, fai declaracións de carácter fascista"

Por que cre que o presidente da Deputación carga contra vostede incluso acusándoo de "provocador nato"?

Necesita un cabeza de turco e desviar a atención. Como non hai argumentos, fai declaracións de carácter fascista. As cousas que di o señor Louzán son o mesmo que se eu o tratase de insultalo a el chamándolle político. É unha auténtica aberración. Quen enganou as señoras maiores e as familias foi o PP en campaña electoral e hai membros do PP que o recoñecen e que asumen que prometeron cousas que agora non se cumpren.

Louzán di que vostede está nas protestas por interese e para sacar réditos políticos.

Se Louzán se compromete a devolverlle os aforros a todos os galegos, eu marcho para a casa e apártome. Eu non quero sacar rédito ningún disto. Son unha persoa máis que se mobiliza, que ten aforros da súa familia atrados. Houbo moitísimos afectados, sobre todo na zona do Baixo Miño, que me pediron que eu os apoiase en moitas mobilizacións. Chámanme e eu vou, como o farían outros.

Pero Louzán inténtao descalificar aludindo á súa condición de sindicalista...

Iso en democracia é bárbaro, sobre todo cando vén dunha persoa como esta, co cargo que ten. É tremendo que se permita o luxo de falar así. É fascismo puro. Eu o único que lle chamo a quen me engana e a quen me rouba é senvergonza e ladrón. Iso para min non é un insulto, senón a realidade. O que non vou facer é aplaudir coas orellas se me están roubando. Roubáronme a min, á miña familia e a milleiros de galegos.

"Se non nos apoian máis alcaldes ou cargos públicos e polas presións que reciben; só hai que ver como agachan a cabeza algúns"

Cre que hai cargos públicos e alcaldes do PP que non os apoian polas presións que reciben do partido?

Estou seguro de que si. Só hai que ver o silencio dalgúns concelleiros cando acudimos a algún pleno e como agachan a cabeza. Insisto, cando hai algún cargo do PP que nos apoia ou insinúa algún tipo de achegamento a nós, Louzán convoca os alcades en Pontevedra para o día seguinte. Debe ter medo a que alguén lle saia do seu grupo.

Cre que esta situación, sobre todo nos concellos máis afectados, está a aumentar a desafección política ou diminuíndo o apoio ao PP?

Non o sei. Supoño que si porque hai moitísimos cidadáns que votaron o PP que se senten enganados. Insisto en que eu non teño nada contra o PP e así llelo dixemos a moitos alcaldes e ao propio Louzán. Se mañá nos devolven os aforros, saímos á rúa e aplaudimos a pesar do dano que nos fixeron porque o que estamos a facer tamén nos xera moitas complicacións en familias e problemas. Ninguén pode pensar que nos mobilizamos e protestamos porque nos agrada ou porque non temos outra cousa que facer. No Rosal ou en Tui hai persoas de 70 e máis de 80 anos e que están todo o día mobilizándose. Pode alguén pensar que a posición desta xente é cómoda? E logo chega algún cargo público e nos di a berros que nin nos apoia nin nos apoiará nunca. É lamentable.

"Non creo na Xustiza; o fiscal xeral de Galicia tiña unha solución rápida por vía xudicial pero rexeitáronlla"

Seguen a ter esperanza na arbitraxe?

E que é a única que temos. Se en Madrid aproban o roubo e non fan nada máis para intentar que nos devolvan os aforros, a única vía que temos aberta é a arbitraxe. Agora ben, sabemos que se non a aumentan, non imos chegar a ningures. Se, como din, se aumenta o prazo ata xuño a un ritmo de 40 arbitraxes ao día, os números non saen. Que facemos cos 60.000 que quedan sen solución?

Hai avogados que gañaron preitos de preferentes que recomendan a vía xudicial como a máis axeitada.

Pero tamén hai sentenzas contra. Pensemos nun afectado que hai no Rosal que ten 87 anos. Se isto se xudicializa, hai recursos e se botan seis ou sete anos agardando, este home posiblemente non cobre nunca. De todos os xeitos, o PP aprobou en concellos, deputacións ou o Parlamento a busca dunha solución política, pero a solución que nos dá é roubarnos. Se temos a razón e a solución é política que nola dean, ou senón que deixen traballar ao fiscal xeral de Galicia porque el si que tiña unha solución rápida por vía xudicial. Por iso non creo na Xustiza. Se o fiscal busca unha solución e a rexeitan eu non me fío. Ir á vía xudicial é un custo para todos, incluso para as arcas do Estado. Se nos queren devolver os aforros, que nolos devolvan xa dunha maneira digna e que non nos martiricen máis.

Canto tempo cre que se pode aguantar este ritmo de mobilizacións entre os aforradores?

É certo que a xente está cansa, pero tamén o estabamos hai catro ou cinco meses. Seguiremos loitando ata que consigamos recuperar os aforros.

Xulio Vicente, voceiro dos afectados do Baixo Miño CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.