Seis de cada dez persoas que quedan en paro en Galicia son menores de 35 anos

Manifestación contra o paro xuvenil CC-BY-NC-SA CIG

Datos desoladores. Eses son os que recolle o informe do Mercado laboral en Galiza 2012 elaborado pola CIG tomando como referencia os datos da EPA e que, tal e como destaca o sindicato, constatan o grave deterioro sufrido pola situación dos traballadores galegos nos últimos cinco anos. Así, desde 2008 e até finais de 2012 aumentaron en 156.000 as persoas desempregadas no país, até sumar os 270.700, pasándose dunha taxa de paro do 8,7% a outra do 20,7%, doce puntos máis.

Unha media de 116 persoas perderon o traballo diariamente en Galicia durante 2012

Desas 156.000 novas persoas desempregadas, 47.400 -30.000 deles menores de 35 anos, máis do 63%- perderon o seu posto de traballo no pasado ano 2012 ou, o que é o mesmo, 116 cidadáns quedaron sen choio diariamente en Galicia durante ese ano até rozar xa os 300.000 desempregados, dos que 112.000 non cobran ningún tipo de prestación, o que supón o 41,5% do total de parados.

Uns 77.000 galegos emigraron nos últimos catro anos, polo que a taxa de paro subiría ao 26,5% de contabilizárense

Neste mesmo sentido, o estudo da central nacionalista achega datos nos que se aprecia que preto do 30% dos parados levan máis de dous anos sen emprego ou que hai 84.500 fogares galegos con todos os seus membros activos en paro.

Ademais, e tal e como destaca o informe elaborado pola CIG, é especialmente duro comprobar a cantidade de xente obrigada a emigrar durante esta crise. En total, 77.000 galegos nos catro últimos anos que, de sumárense aos actuais desempregados no país elevarían o número de parados a case as 350.000 persoas e subirían a taxa até o 26,5% da poboación activa e, xa que logo, superior á media do Estado.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, alertou na presentación do informe de que as previsións no son mellores para 2013. Así, sinalou que nos propios Orzamentos da Xunta fálase dunha caída no crecemento económico e unha caída do PIB o que irá acompañado da perda de máis emprego e da destrución de máis postos de traballo. “Non hai máis que ver os datos de febreiro e o que caeu a contratación, no caso concreto de Galiza por riba da media do Estado”, di.

Isto, ao seu entender, pon de manifesto algo que a central sindical viña denunciando desde o inicio da crise, “que as reformas laborais non son a solución para a creación de emprego, todo o contrario” e que o único que favoreceron foi facilitar e abaratar o despedimento. “O que se fixo foi dar pé a que as empresas puideran despedir a traballadores fixos para substituílos por traballadores con contratos temporais a tempo parcial e ademais subvencionados, un auténtico chollo”, insiste.

Pero hai outro dato tamén importante e que centra unha das principais reivindicacións para o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega. Non é outro que a negociación colectiva, “unha ferramenta básica para ir mellorando as condicións laborais” dos traballadores e que corre o risco de ir desaparecendo logo das facilidades que a reforma laboral dá para que as empresas se poidan descolgar ou non cumprir estes convenios “e que poidan asinar convenios de empresa por debaixo do convenio do sector, algo que até o de agora esta prohibido”.

Arredor de 400.000 traballadores corren o risco de perder o seu convenio colectivo durante 2013

O obxectivo, segundo a CIG, é provocar unha caída xeneralizada dos salarios no Estado español. Así, Suso Seixo lembrou que até o de agora os convenios, unha vez perdían a súa vixencia prorrogábanse mentres non se asinaba o novo. Porén, en xullo de 2012 ao asinárense a reforma, limitouse o período de prórroga, ou sexa, de ultraactividade, a un ano. Iso implica que en xullo de 2013 “en torno a 400.000 traballadores corren o perigo de perder o seu convenio colectivo”.

As consecuencias sería, segundo Seixo, gravísimas, porque se abren dúas posibilidades: que as empresas se acollan a un convenio de ámbito superior, en condicións inferiores ao convenio provincial ou de empresa, xa que normalmente nos de ámbito estatal as condicións son inferiores aos de carácter provincial ou de empresa. Ou, se non hai un convenio de ámbito superior no seu sector, imporíanse as condicións mínimas, Salario Mínimo Interprofesional e ás condicións laborais que fixa o Estatuto de Traballadores.

“Estamos ante un ataque sen precedentes a un dereito fundamental para a clase traballadora como é o dereito á negociación colectiva. Un ataque que se está a dar non só no estado senón en todos os estados da periferia de Europa. Preténdese provocar unha caída xeneralizada dos salarios e precarizar as condicións laborais para intentar ser competitivos fronte outras potencias no mercado internacional que teñen unhas condicións laborais peores”, engadiu.

A CIG acordou "negarse a asinar convenios por debaixo dos sectoriais"

Ante esta situación, a central nacionalista acordou “negarse a asinar convenios de empresa que estean por debaixo dos sectoriais, de negarse a pactar convenios sectoriais que supoñan recorte de dereitos laborais e, polo tanto, promover a mobilización e a contestación social necesaria para impedir que detrás deste recorte de dereitos que se dá na negociación colectiva regresemos a condicións laborais de hai 50 ou 60 anos”.

Traballador da construción nun tellado en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.