Seixo é reelixido e demanda un “salario de inserción social”

Suso Seixo, no Congreso da CIG © CIG

Suso Seixo foi reelixido este domingo secretario xeral da CIG obtendo máis do 90% dos apoios nun Congreso que escolleu unha executiva confederal con só dous cambios con respecto á anterior. Este órgano está formado por 12 membros: Paulo Carril, Anxo García, Antolín Alcántara, Xosé Francisco Miranda, Ramiro Oubiña, Anxo Pérez, Margarida Corral , Miguel Anxo Malvido, Manuel Currás, Francisco Xabier Cartelle e Elvira Patiño.

No discurso que daba comezo ao seu cuarto mandato á fronte do sindicato, Seixo centrou a súa atención no desemprego, que “ten consecuencias sociais e económicas dramáticas, pero tamén políticas”. E anunciou que a CIG vai poñer en marcha unha campaña ao redor dunha batería de propostas dirixidas á Xunta en materia fiscal, financeira, industrial, contractual e en demanda dun salario de inserción social para desempregados que non cobren ningún tipo de prestación.

Seixo lembrou que “estamos ante unha loita de poder entre a oligarquía financeira e as clases populares” e valorou que malia as políticas económicas e laborais ser un “fracaso” “son moi funcionais ao capital”, porque están a permitirlle reducir custos laborais e facerse “cun amplo exército de man de obra barata”, incrementando así os seus beneficios e fortalecendo o seu poder. E destacou que “é necesario” conquistar outras formas de organización económica e social e levar á sociedade o debate a respecto de cales son as causas desta crise. Subliñou que “é posíbel” mudar este modelo porque “somos unha maioría social moi ampla os que estamos obxectivamente interesados en rematar con estas políticas tan antisociais”.

A CIG considera “profundamente equivocada” a posición "de aquelas organizacións sindicais e políticas que promoven a política do pacto social como unha saída". E afima que "nin o goberno do PP, nin a CEOE, a banca ou as grandes empresas españolas van asinar un pacto no que se recolla a retirada das sucesivas reformas laborais, unha política fiscal máis xusta, o incremento do investimento público, melloras no poder adquisitivo dos salarios ou estabilidade do emprego".

Imaxe da última xornada do Congreso © CIG
Suso Seixo, no Congreso da CIG © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.