Semente Monforte pon en marcha un concurso de proxectos empresariais para a vila

Imaxe dos promotores da fundación © Concello de Monforte

Obxectivo cumprido a medias. A iniciativa que un grupo de veciños e veciñas de Monforte puxo en marcha o pasado mes de xaneiro, Semente, buscando que os 120 millóns de euros que a Lotaría do Neno deixou na vila "revertesen" na localidade, anunciou esta semana os resultados do traballo feito nestes meses. Procurábase a posta en marcha dunha fundación, Fundación Semente de Monforte de Lemos, a partir dos cartos que puidesen reunir entre os premiados e premiadas, ademais doutras achegas. Porén, finalmente a cantidade recadada, 6.800 euros, resulta insuficiente para a creación desta fundación.

Finalmente a cantidade recadada, 6.800 euros, resulta insuficiente para a creación desta fundación

A fundación tería dous obxectivos: No eido social, a fundación tería como cometido investir parte do diñeiro recadado en alimentos e artigos de primeira necesidade para as persoas máis necesitadas do municipio, así como na creación dunha liña de bolsas para financiar os estudos universitarios da mocidade con poucos recursos económicos. No eido laboral e de apoio a emprendedores, a fundación financiaría proxectos empresariais para desenvolver en Monforte.

Os promotores da iniciativa Semente Monforte van poñer en marcha un concurso de proxectos empresariais para a vila que entregará premios de 10.000, 6.000 e 4.000 euros para as ideas gañadoras

Estes obxectivos van sen cumpridos parcialmente. Dos cartos recollidos, entregaranse dous mil euros ás familias de dous nenos de Monforte e Quiroga que necesitan unha operación cirúrxica. O diñeiro restante entregarase a Cáritas para a compra de produtos de primeira necesidade e alimentos non perecedeiros. Pero ademais, os promotores da iniciativa Semente Monforte van poñer en marcha un concurso de proxectos empresariais para a vila que entregará premios de 10.000, 6.000 e 4.000 euros para as ideas gañadoras. 

Este concurso está financiado por 16 empresas: Aceites Abril, Anjoca, Azkar, Barbosa e Hijos, Bricoking, Cesmauto, Curtidos Coiro, Dimaga, Estrella Galicia, Gadisa, Inveravante, Monbus, Pérez Rumbao, Promotora Audiovisual Somos.Som, R y Regina Viarum. Tamén conta coa colaboración do IGAPE e das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo. A inscrición no concurso e o envío das propostas poderá facerse a través da web sementedemonforte.org, que estará operativa a partir do luns, e na que tamén se poderán consultar as bases do certame. 

Imaxe dos promotores da fundación © Concello de Monforte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.