SEPI confirma uns contratos con Pemex que a petroleira insiste en negar

Ramón Aguirre, presidente da SEPI, no Congreso © Congreso dos Deputados

Continúa a confusión arredor dos contratos entre os estaleiros galegos e Pemex. Logo de que a petroleira mexicana insistise, por varias veces, en que non había acordo firme ningún coas empresas galegas, o presidente da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), Ramón Aguirre, vén de asegurar este luns no Congreso que os acordos subscritos entre a firma estatal mexicana e Navantia para construír dous floteis en Ferrol e Vigo son "contratos en firme".

"O importante son os dous contratos en firme que claramente suporán carga de traballo"

"O importante son os dous contratos en firme que claramente suporán carga de traballo non só para Navantia en Ferrol, non só para os estaleiros privados de Vigo, senón tamén para a industria auxiliar", asegurou Aguirre durante a súa comparecencia ante a Comisión de Orzamentos do Congreso.

Foi o portavoz socialista da materia no Congreso, o galego Miguel Cortizo, o que reclamou a Aguirre que a SEPI -que posúe o 100% das accións de Navantia- ensinase eses contratos para acabar con todas as contradicións e polémicas. "Será capaz de mentir sobre a construción duns buques, xogando co drama de milleiros de persoas ou é que isto é unha terxiversación da oposición, que somos unha especie de demos vestidos para a ocasión de traballadores de Navantia? Isto ten fácil solución: transparencia, ensinar os contratos", recomendou, tras lembrar a resolución da Xunta Electoral Central, na que se acusaba o Goberno de Feijóo de incumprir a Lei Electoral por asistir á sinatura do contrato en plena precampaña.

"Que só sexa ese delito. Coño, ensíneos. Se non quere ensinalos a esta Cámara, se non quere demostrar e resolver esta polémica que é mala para o país, para a industria naval, tendo un instrumento tan fácil de acabar con esta polémica, entón deixarei de crerlle e considerareille un mentireiro e un cómplice da mentira do presidente da Xunta por un bastardo interese electoral", dixo o socialista.

O presidente de SEPI mostrou o contrato aos membros da comisión, pero aclarou que non se pode divulgar o seu contido

Na súa réplica, Aguirre  negou ser "bastardo, nin cómplice nin mentireiro", e mostrou aos membros da comisión o contrato asinado entre Navantia e PMI, filial de Pemex, provocando o aplauso dos deputados populares. No entanto, a continuación leu a cláusula de publicidade incluída no devandito contrato, na que se prohibe a Navantia "divulgar a existencia ou o contido" do documento agás a través de notas de prensa "previamente aprobadas" por Pemex.

"Así que cando estamos caladiños é porque queremos que (os contratos) saian, e vostede? Eu non estou autorizado a ensinarllo, e tampouco o presidente da Xunta, que nada ten que ver con Navantia. Así que nin é mentireiro, nin oculta a verdade, nin engana a ninguén. Está a cumprir relixiosamente a legalidade vixente", sinalou Aguirre.

Un teletipo informa de que traballadores de Navantia, Barreras e PMI traballan xa en México conxuntamente

Ademais, Aguirre aproveitou para citar un teletipo deste mesmo luns informando de que traballadores de Navantia, de Barreras e de PMI traballan xa en México en "as especificacións técnicas do buque". "Se lese os teletipos podería ver que estamos ante unha realidade incontestable. Así que imos seguir traballando en silencio para poder ter a construción totalmente en marcha, para poder cortar chapa canto antes", resolveu, replicando ao deputado socialista a que, se "aínda quedan dúbidas" sobre o contrato, é "porque quere" telas.

Mentres isto pasa en Madrid, en México directivos de Pemex volven negar a existencia dos contratos, ao tempo que boa parte da prensa azteca acusa a petroleira estatal de enganar os cidadáns mexicanos. Na última fin de semana, Carlos Morales Gil, director de Pemex Exploración y Producción adiantou que este luns se coñecerían todas as ofertas para os buques hotel, entre as que estará a galega, o que confirmaría que o acordo non asegura a construción dos floteis até que Pemex dea o seu visto e prace.

Ramón Aguirre, presidente da SEPI, no Congreso © Congreso dos Deputados
Feijóo, na presentación dos contratos de Pemex © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.