Só a metade das baixas nas oficinas de emprego en abril foron por atopar traballo

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

"É difícil atopar un traballo se non amosas interese en conseguilo". O pasado abril o presidente da Xunta saudaba con euforia os datos do paro rexistrado para tentar contrarrestar os malos resultados da Enquisa de Poboación Activa, antes utilizada por Alberto Núñez Feijóo para ilustrar o "diferencial positivo" de Galicia e agora considerada de dubidosa fiabilidade no seo do Goberno galego. Naquela ocasión Feijóo veu concluír que o único termómetro válido do paro son as inscricións nas oficinas de emprego, xa que as persoas non anotadas nelas non teñen interese en traballar, igual que é "imposible conseguir unha operación cirúrxica se alguén non está anotado na lista de espera dun hospital". Non obstante, unha peneira dese dato permite coñecer que apenas a metade da redución do paro rexistrado de abril, das baixas nas oficinas de emprego, se debe a que estas persoas atopasen un traballo.

Segundo datos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) o pasado abril producíronse en Galicia 42.251 baixas de demandantes de emprego, isto é, persoas que deixaron de estar anotadas no antigo Inem, o que non quere dicir que todas elas atopasen un traballo. Concretamente, o IGE acredita que unicamente 22.590, o 54,33%, causaron baixa porque puideron comezar a traballar. As 19.600 restantes simplemente non renovaron a súa demanda ou deixaron de estar inscritas por "outras causas", pero non por colocación.

Só o 0,86% das baixas se produciron por unha oferta laboral chegada da oficina de emprego

As cifras oficiais tamén contrastan abertamente co argumentario presidencial que liga a inscrición na Oficina de Emprego co interese e as posibilidades de atopar un posto de traballo. No mesmo mes de abril celebrado en San Caetano e La Moncloa só 365 baixas, o 0,86% do total, tiveron a súa causa nunha oferta de traballo chegada dende a oficina de emprego. As demais colocacións, 22.225, producíronse por relación directa entre os traballadores e traballadoras e as empresas, sen mediación ningunha deste organismo público dependente do Ministerio de Emprego e da Consellería de Traballo.

Evolución no que vai de ano

Os datos de abril non sustentan as reflexións de Feijóo e tampouco o fan os acumulados no que vai de ano. Entre xaneiro e abril de 2014 déronse de baixa nas oficinas de emprego galegas 157.036 persoas e menos da metade, 78.113, saíron dese rexistro por atopar un traballo, xa fose grazas ás xestións da oficina de emprego (o 0,66% do total) ou por atopalo por conta propia (o 49,08% das baixas). As demais ou ben decidiron non renovar a demanda cando correspondía (64.039) ou xa non están anotadas por "outras causas", como por exemplo o remate dun ERE ou non acudir a cursos convocados polas oficinas públicas de emprego.

Entre xaneiro e abril menos da metade das baixas foron por colocación

O retrato non é moi diferente ao botar a vista atrás un chisco. Nos últimos cinco anos, entre 2009 e 2013, o IGE ten acreditadas 2,3 millóns de baixas de demandantes de emprego e, de novo, algo menos da metade tiveron a súa causa en atopar un emprego por conta propia. Mentres, o 2,27% deuse de baixa por que o SEPE lle atopou un posto de traballo e o 40% por non renovación. "Non sei se hai moitas persoas que necesitan operacións cirúrxicas e non están na lista de espera", reflexionou a finais de abril o presidente da Xunta.

A conselleira de Traballo saúda un participante nun obradoiro de formación © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.