Só un grupo laboral medra en Galicia: o que cobra menos da metade do salario mínimo

Traballadores das contratas de Telefónica-Movistar en Galicia © CIG

Aumenta a xente que traballa pero é pobre en Galicia. O único grupo de traballadores que medrou o ano pasado no país é o daqueles que cobran menos do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e que representa o 18,4% dos asalariados, fronte ao 14,5% de hai seis anos (2009). Así o reflicte o Informe do Mercado Laboral en Galiza do ano 2015 elaborado polo gabinete de Economía do sindicato CIG a partir de datos oficiais da Axencia Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social ou o Servizo Público de Emprego Estatal. 

A CIG destaca "a reaparición da figura, esquecida desde o remate do franquismo, do traballador ou traballadora pobre"

O documento foi presentado por Miguel Malvido, secretario confederal de Emprego da central nacionalista, Miguel Malvido, e pola responsable do gabnite, Natividade López. Ambos destacan que o informe constata "a reaparición da figura, esquecida desde o remate do franquismo, do traballador ou traballadora pobre". Unha situación, destacan, á que se chega "nuns casos polos salarios de miseria, noutros casos pola temporalidade da contratación, noutros polas xornadas parciais e nos máis, por todo á vez".

O descenso nos salarios, segundo o informe, ten o seu reflexo no peso das rendas do traballo no PIB, que en 2009 representaban o 48% das totais e en 2014 o 44,6%, mentres ocorre xusto o contrario coas rendas do capital, que pasaron de pesar un 43,6% en 2009 a un 45,5% en 2014. Para Miguel Malvido, os datos evidencian a "crítica situación na que se atopa a maioría da clase traballadora galega". A CIG lembra que, segundo a Carta Social Europea, considérase que un traballador que teña uns ingresos inferiores ao salario medio estaría ao borde do limiar da pobreza. E o 61% dos asalariados no país non chegou a el (17.729 euros) en 2014. “Estamos logo falando de que a inmensa maioría está instalada ou ben na pobreza ou ben ao límite”, repara. 

O informe da CIG resume a situación do mercado laboral galego no pasado 2015. Así, o exercicio rematou con 67.000 desempregados máis rexistrados que ao inicio da crise, a principios de 2008. Se ben o paro rexistrado descendeu, de media, en 23.516 persoas respecto de 2014, non todo o descenso se traduce en incremento de emprego. "Unha boa parte deste é debido á caída da poboación activa, ben sexa pola emigración, por envellecemento ou por outros factores", destaca a central nacionalista. 

Nos últimos cinco anos, perdéronse preto de 100.000 ocupados menos de entre 16 e 34 anos

Así, desde 2010 estímase que en Galicia hai 124.400 persoas menos de entre 16 e 34 anos. Alén disto, perdeuse poboación activa globalmente neses cinco anos -43.700 persoas- e "sendo isto grave, moito máis o é que esa baixada afecte exclusivamente aos menores de 34 anos, entre os cales o descenso foi de 104.700 persoas". Nesa franxa de idade hai, nese período (2010-2015) preto de 100.000 ocupados menos. "Tal é o impacto dese descenso que en 2010 as persoas menores de 35 anos representaban o 31% de ocupados e a finais de 2015 só o 24%", revela o documento. 

Segundo destaca a CIG, "o legado dos gobernos de Feijóo é que Galiza pasou de contar en 2008 con 1.201.200 ocupados a apenas superar o millón en 2015". No mesmo ano, estímase en 203.500 os asalariados con contrato temporal, que se repartiron os 813.088 contratos temporais rexistrados, o que nos dá unha media de catro contratos por traballador/a e ano. A taxa de temporalidade, así, sitúase no 25,4%.

 

Os contratos temporais foron os que máis medraron en 2015 e, entre eles, os que duran menos dunha semana

Porque foron os contratos temporias os que máis medraron, nun 12,1%, no último ano. E dentro deles, os de menor duración foron tamén os que máis se incrementaron: os de menos dunha semana aumentaorn un 14,2% e representaron o 30,7% do total. 

É destacable tamén que, malia as cuantiosas axudas que hai, apenas o 7,4% dos contratos rexistrados se asinaron baixo algunha modalidade de contratación indefinida e a xornada a tempo parcial representa o 14,3% do total. Deste xeito, estímanse uns 106.200 empregados menos a xornada completa e 18.900 máis a tempo parcial.

Ane esta situación, Malvido cualificou de “alarmante” o panorama e preguntouse “de que vale ter hoxe un emprego nestas condicións, se non permite ter a máis mínima perspectiva de futuro".”Ao tempo, diminúe a taxa de cobertura e se en 2014 apenas o 52,4% de parados recibía algún tipo de prestación, en 2015 situouse, de media, no 49,1%.

Para a CIG, os gobernos central e galego do PP "repetiron como un mantra, ao longo de 2015, que estabamos saíndo da crise". "Porén, este período de reformas laborais, políticas de austeridade e recortes de todo tipo en políticas sociais deixa tras de si un regueiro de vítimas: miles de galegas e galegos desempregados, traballadores pobres, excluídos aos que xa nin dereito se lles recoñece a cobrar unha prestación e miles de mozas e mozos que tiveron que recorrer á emigración como única alternativa laboral", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.