O ministro de Enerxía, Industria e Turismo, José Manuel Soria, non quere "faltar á verdade". Por iso non descarta que o recibo da luz volva subir no mes de abril. E iso malia que os españois sexan os terceiros cidadáns europeos que máis pagan cada vez ás eléctricas. A estatística dispoñible na oficina do Eurostat ofrece datos desde 2007. Desde entón, cando menos, a luz nunca deixou de ser máis cara aquí que en Alemaña, Francia ou Portugal. En 2007 era un 8,5% máis cara que a media da Unión Europea. En 2011 foi un 31,4% máis custosa que a media do continente.
A Comisión Nacional da Enerxía (CNE), e o seu presidente, Alberto Lafuente, nun voto particular, vincula directamente as renovables co custo da luz. Como xa informou Praza, o 51% da potencia eléctrica alemana está en mans dos cidadáns, onde existe unha gran cultura das renovables. Alí a factura é máis barata.
Nun controvertido informe a CNE, os membros da comisión recoñecen que a factura é elevada pero que non é relevante. "En relación aos prezos finais dos consumidores doméstico- residenciais, especialmente de electricidade, rexistran postos dos máis elevados do ranking europeo, aínda que cabe remarcar que o impacto da factura eléctrica sobre a renda media das familias supón o 1,2% e da factura de gas natural o 0,8%, segundo a Enquisa de Orzamentos Familiares 2010 publicada polo INE correspondente ao exercicio 2010."
"O incremento de peaxes necesario para alcanzar o equilibrio entre ingresos e custos no ano 2012 sería aproximadamente do 30,7%"
O sector eléctrico, que cifra o déficit tarifario por riba dos 21.000 millóns de euros, pretende que sexan os Orzamentos do Estado os que atendan esta circunstancia. "Se os Orzamentos Xerais do Estado non puidesen atender o déficit tarifario non cuberto polas medidas propostas no informe, o incremento de peaxes necesario para alcanzar o equilibrio entre ingresos e custos no ano 2012 sería aproximadamente do 30,7%", calcula a CNE.
A Comisión da Enerxía propón subir as peaxes aos consumidores outro 2%.