Tamaño, forraxes e estrutura empresarial, claves no futuro do leite galego

Vacas nunha explotación gandeira © Xunta

Galicia produce case o 40% de todo o leite de España (38,6%), uns 2,5 millóns de litros que a converten nunha das dez primeiras rexións europeas en produción leiteira, e cun valor económico equivalente a case o 1,5% do PIB. Unha potencia leiteira (a pesar das moitas eivas e obstáculos que tivo que superar ou que aínda sofre) que a partir do 1 de abril de 2015 (momento no que desaparecerán as cotas de produción e o mercado do leite quedará liberalizado) terá que se enfrontar a un novo escenario, con regras distintas, para ben ou para mal, ás que tivo que enfrontar até agora. Anticipando ese momento, e a xeito de think tank, o pasado xoves presentouse en Compostela a Asociación Terra e Leite.

Os promotores desta iniciativa buscan influír tanto na administración coma nos distintos actores do sector (produtores, distribuidores...) para que Galicia aproveite as súas vantaxes competitivas como produtor de leite (o seu "ouro branco", como destaca Ernesto Sánchez Pombo nuns dos textos de análise que xa se poden ler na web da asociación). Ou como salienta o historiador Lourenzo Fernández Prieto noutro dos textos: "neste país temos os mellores gandeiros e as mellores condicións ambientais de Europa para producir leite, uns labregos que responderon aos estímulos do mercado e máis do Estado e, por encima dos seus erros -do Estado, do mercado e deles mesmos- agora seguen nas mellores condicións para favorecer un importante sector produtivo da economía galaica".

Dende o ingreso de Galicia na CEE en 1986 o sector modernizouse, e moito. Só un dato: das máis de 100 mil explotacións existentes hai 30 anos, pasouse a apenas 12 mil, pero que en conxunto producen máis do doble do que producían daquela. Pero aínda queda moito camiño por percorrer. Todos os textos que acompañan a presentación de Terra e Leite inciden nunha serie de tarefas pendentes do sector, das que dependerá o seu crecemento nun mercado globalizado, ou a súa crise. Un dos grandes factores que serán clave neste novo escenario será a demanda crecente de produtos lácteos no mundo, sobre todo nos mercados emerxentes. Velaí a grande oportunidade de crecemento para o sector leiteiro galego.

Todos os expertos avogan polo crecemento das explotacións, que seguramente aínda deberán reducir máis o seu número, a necesidade dunha relación interprofesionais entre produtores, industrias e distribuidores, hoxe case inexistente, e a esixencia tamén do desenvolvemento dunha industria leiteira galega. Tamén da necesidade de aproveitar o potencial forraxeiro de Galicia, que na actualidade (nun contexto de moi elevados prezos do alimento do gando), importa a maior parte desa materia prima. Tamén avogan na súa totalidade por potenciar a investigación e a formación especializada, e por apostar por unha diversificación na produción e nos produtos exportados (primando a especialización nunha nova oferta: queixos, iogures, batidos, leites de marcas específicas, por riba da actual predominante venda de leite líquido, moitas veces de marcas brancas).

Un dos textos máis interesantes dos achegados por Terra e Leite é o asinado por Edelmiro López Iglesias, profesor de Economía na USC. En O ouro branco de Galiza? Estratexias de futuro para o complexo lácteo López Iglesias realiza un exhaustivo percorrido polas fortalezas e debilidades dun sector en crecemento, pero eivado por algúns problemas estruturais. O máis importante é se cadra a inexistencia dunha estrutura empresarial sólida en Galicia para a transformación e a distribución do leite, de xeito que o 90% da riqueza xerada procede das explotacións, e só ese dez por cento restante da industria, que noutras rexións concentra a maioría dos ingresos xerados e do emprego creado.

Entre o 25 e o 30 por cento dos ingresos xerados polo leite se destinan á compra externa de forraxes

Outro dos aspectos nos que incide López Iglesias é no xa referido da forraxes, sobre todo nun contexto de prezos altos das materias primas para a alimentación animal, e cunha espectativa de que aínda crezan máis. O profesor destaca que entre o 25 e o 30 por cento dos ingresos xerados polo leite se destinan á compra externa de forraxes, e lembra que en moitas rexións europeas, sobre todo do norte e centro do continente as explotacións producen elas mesmas o alimento dos animais. Nun escenario fortemente competitivo, a redución dos custes será fundamental para que o leite galego mellore as súas opcións. López Iglesias destaca, de feito, que "a liberalización facilitará que a produción tenda a concentrarse naquelas zonas que teñen maiores vantaxes competitivas: ben polos menores custes de produción, e/ou por estar próximas aos centros de consumo ou contar cunha industria láctea máis sólida".

Outro dos aspectos no que as explotacións galegas teñen aínda marxe de mellora é no seu tamaño, que debería crecer, por varios motivos, comezando pola necesidade de aproveitar mellor unhas axudas económicas da UE que priman as grandes extensións, pola tendencia a que os pagos por hectárea sexan equivalentes. Porén, López Iglesias destaca que "o debate non debe ser: modelos extensivos versus modelos intensivos. Senón que os conceptos clave son os de: autonomía da explotación na alimentación do gando, e minimización dos custes por unidade de produto". É dicir, que a clave no novo contexto será ter "os menores custes por litro".

"As industrias localizadas aquí están especializadas nos derivados máis simples, que xeran menor valor acrecentado"

En canto á industria, López Iglesias alerta de que "unha parte significativa da produción láctea (ao redor do 25%) continúa exportándose en bruto para a súa transformación noutros territorios" e que "as industrias localizadas aquí están especializadas nos derivados máis simples, que xeran menor valor acrecentado". Produtos, ademais, "que teñen outros inconvenientes: son os que contan cunha demanda menos dinámica, e aqueles nos que é maior o poder de negociación das cadeas de distribución, cun dominio crecente das marcas brancas ou marcas de distribuidor". Isto ten como consecuencia que a industria láctea galega xera tan só o 10% dos ingresos do sector en toda España. López Iglesias sinala tamén unha eiva na capacidade exportadora, pois o 93% do leite galego consúmese en España, sendo residual a produción destinada ao resto da UE ou ao exterior desta. Ademais, non hai apenas exportación de produtos distintos ao leite, sendo Galicia importadora neta de queixo ou iogures.

López Iglesias subliña como fundamental o crecemento das empresas transformadoras galegas, que podería chegar por dúas vías: polo crecemento interno e concentración empresarial, ou pola cooperación empresarial

O economista subliña como fundamental o crecemento das empresas transformadoras galegas, que podería chegar por dúas vías: polo crecemento interno e concentración empresarial, ou pola cooperación empresarial. Porén, apunta que "a cuestión é qué empresas das que teñen factorías en Galiza poden xogar un papel relevante nestes procesos ao longo dos vindeiros anos. Aspecto no que o panorama de partida non invita ao optimismo". Outra vía posible, engade, "consiste na potenciación de fórmulas de cooperación entre empresas (da propia industria láctea ou de diferentes ramas da industria alimentaria) para levar a cabo accións conxuntas e proxectos colaborativos".

Vacas nunha explotación gandeira © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.