Tan só as comunidades do PP votan a favor dos obxectivos de déficit

Unha xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira © Ministerio de Facenda

O PP volve quedar só. Unicamente as comunidades autónomas gobernadas polo PP votaron este martes a favor dos obxectivos de déficit e de endebedamento que o ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro, presentou nun Consello de Política Fiscal e Financeira cheo de tensión. Asturias, gobernada polo PSOE, e Canarias, por Coalición Canaria, votaron en contra, mentres que Catalunya e Andalucía ausentáronse. Os representantes da primeira nin tan sequera apareceron, mentres que a conselleira andaluza abandonou a xuntanza ao considerar inadmisibles os obxectivos marcados. Galicia votou a favor.

Porque Galicia abandonou tamén o "si crítico" dado na última reunión. A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, expresou á saída da xuntanza a súa conformidade coas cifras máximas de débeda impostas a Galicia para o ano 2013, 2014 e 2015, que serán do 15,4%, 15,4 % e 15,1 %, respectivamente. Trátase, segundo di, dunha repartición "homoxénea" das cifras adxudicadas a cada comunidade en función das características de cada unha e do seu PIB. Ademais, a conselleira asegurou que a comunidade non terá que acollerse ao fondo de liquidez e, respecto á marcha de Catalunya e Andalucía, asegura que non comparte a súa postura no Consello, pero si considera excesivo o recrote do obxectivo de déficit para o 2013 até o 0,7%. 

Asturias e Canarias votaron en contra; Catalunya non se presentou e Andalucía abandonou a reunión

Pola súa banda, a conselleira andaluza de Facenda e Administración Pública, Carmen Martínez Aguayo, deixo a xuntanza ao non compartir o límite de endebedamento fixado para a súa comunidade autónoma e logo de asegurar a súa "perplexidade" ante os "restritivos" obxectivos marcados. Tan só unhas horas antes, a Generalitat de Catalunya anunciara que plantaría o Goberno central ao asegurar que "todo estaba decidido" e tras queixarse dos incumprimentos de financiamente por parte do Estado.

"É algo absolutamente inconcibible. Se se confirma, póñense uns obxectivos de débeda que son, se caben, máis restritivos que o obxectivo de déficit, polo que imos estar dobremente en desacordo", dixo a conselleira andaluza á súa chegada ao Consello de Política Fiscal e Financeira. Tan só uns minutos despois, e logo de tomar a palabra para expresar a súa queixa, abandonou a xuntaza.

Xa que logo, todas as comunidades deberán cumprir co límite de déficit do 0,7% en 2013, aínda que en termos de débeda sobre o PIB, cada unha delas contará cun límite individualizado. De aí as sospeitas e suspicacias das autonomías que se veñen de rebelar.

Con todo, o resultado desta votación obriga a todas as comunidades ao cumprimento dos obxectivos, tanto se estaban presentes na reunión coma se non e tanto se votaron a favor como se non.

Unha xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira © Ministerio de Facenda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.