- O que ti, home, podes facer o 8M para apoiar a folga feminista
- MAPA | Máis de 30 vilas e cidades galegas acollerán mobilizacións feministas o 8M
A folga xeral feminista do 8 de marzo é unha folga singular, atípica. Moitas cousas son novas, dende logo: é a primeira vez que o movemento feminista impulsa unha folga xeral de 24 horas e sobre todo no ámbito laboral xorden algunhas dúbidas sobre os procedementos ou os efectos do paro. Con todo, o primeiro que debe quedar aclarado é que se trata dunha folga xeral amparada pola lei, a través do rexistro que hai unhas semanas realizaron varios sindicatos. Algunhas centrais, coma a CNT mesmo están a difundir unha Guía do Dereito á Folga para dar resposta a algunhas das dúbidas que poden ter as traballadoras que se queren sumar ao paro.
A folga de 24 horas impulsada polo movemento feminista quedou legalizada a partir do momento en que foi rexistrada polas centrais sindicais
- É unha folga legal? Podo facer folga todo o día?
Absolutamente. A folga de 24 horas impulsada polo movemento feminista quedou legalizada a partir do momento en que foi rexistrada polas centrais sindicais. CNT, CGT, CUT, SLG e Intersindical (STEG, entre outros) convocaron un paro xeral de 24 horas. CIG, CCOO e UGT rexistraron unha convocatoria de dúas horas por quenda, pero tan legal é facer folga 2 horas coma 24.
- Teño que ser afiliada dalgún dos sindicatos convocantes para poder facer folga?
Absolutamente non. Ao igual que noutras folgas, o dereito pertence ás traballadoras e traballadores, independentemente de que estean afiliadas a algún sindicato ou de que o seu sindicato convoque ou non a folga ou convoque un paro parcial.
- Ten que haber na miña empresa representación sindical dalgunha das centrais convocantes para que eu faga folga?
Claro que non. Como lembra a CNT na súa guía, "ao tratarse dunha folga xeral, non é requisito necesario realizar unha comunicación individualizada empresa por empresa".
Ao tratarse dunha folga xeral, non é requisito necesario realizar unha comunicación individualizada empresa por empresa. E as traballadoras non teñen que avisar de que van facer folga
- Poden os homes facer folga?
Poden, a folga está convocada de forma xeral. Con todo, o movemento feminista desaconsella en xeral que os homes se sumen a unha convocatoria que non foi dirixida a eles. No caso de sumarse, a única razón debería ser ocuparse das tarefas de coidados (sobre todo de dependentes) que habitualmente realizan as mulleres. En xeral, o mellor que poden facer os homes ese día (e o resto do ano) é non querer ser tan protagonistas e axudar no traballo de coidados
- Teño que avisar na miña empresa de que vou facer folga?
Non. As traballadoras non teñen que avisar de que van facer folga e tampouco están obrigadas a responder ningunha pregunta da súa empresa neste senso. "En determinados supostos a pregunta pode ser vulneradora do dereito de folga", subliña a CNT.
- A empresa ten dereito a tomar represalias ou a substituír a traballadora no seu posto?
Non. "Calquera represalia suporía a nulidade da sanción ou despedimento", destaca o sindicato, que sinala que "o despedimento será nulo, pero para acreditalo haberá que probar a motivación do mesmo no exercicio do dereito de folga". A CNT recomenda "non asinar nada" pois "asinar un finiquito implica renuncia a accións" e acudir inmediatamente a un sindicato "porque os prazos son breves". As empresas tampouco poden substituír ese día a traballadora no seu posto, nin a través de persoal externo, nin trasladado dende outras seccións nin a través da automatización das súas funcións.
As empresas non poden tomar represalias contra as traballadoras que fagan folga e tampouco as poden substituír ese día nas súas funcións
- Que consecuencias ten o exercicio da folga no salario e na cotización á Seguridade Social?
O día non traballado loxicamente non se cobra e tampouco se cotiza, descontándose igualmente a parte proporcional das gratificacións extraordinarias. Iso si, non implica a redución do período de vacacións nin o descanso semanal.
- É obrigatorio cumprir cos servizos mínimos?
Si.
- Teñen dereito a folga as traballadoras autónomas? E as falsas autónomas?
A folga está convocada legalmente para as traballadoras asalariadas, o que non queren dicir que as autónomas non poidan parar ese día. A situación das falsas autónomas (coma noutras cuestións) é máis complicada; a realidade é que como autónoma non ten ese dereito, de xeito que se fai folga e a empresa toma represalias contra ela, despedíndoa, tería que probar nun xuízo a súa condición de falsa autónoma
- Teñen dereito a folga as traballadoras en período de proba e bolseiras?
Si, durante o período de proba téñense os mesmos dereitos que calquera traballador contratado.
- Teñen dereito a folga as traballadoras dunha cooperativa de traballo asociado?
Non. Neste punto a CNT denuncia que o Estado español está a incumprir o Convenio da OIT.
As empregadas do fogar teñen dereito legal á folga, aínda que a súa protección xurídica en moitos casos é precaria
- Teñen dereito a folga as empregadas do fogar?
Si. O RD 1620/2011 que regula a relación laboral de carácter especial do servizo do fogar familiar destaca no seu artigo 7 que "O traballador terá os dereitos e deberes laborais nos artigos 4 e 5 do Estatuto dos Traballadores" (o artigo 4 inclúe o dereito á folga). En todo caso, os sindicatos lembran que a protección xurídica para as empregadas do fogar é moi reducida e téñense dado sentenzas favorables e desfavorables nos últimos anos en caso de despedimento. O movemento feminista animou así mesmo ás traballadoras do fogar que por un ou outro motivo non poidan facer folga a colgar os seus mandís das fiestras para amosar o seu apoio ao paro.