Todo no mar é peixe

Empanada de granadeiro © www.idescartes.com

Cada ano milleiros de toneladas de moi diversas especies son descartadas ao chegar os barcos a porto. Langostillas, o Granadeiro e o Arete, son só tres delas. Un informe recente do WWF estima que os descartes supoñen o 40% do total do pescado recollido. A Asociación de Buques de Pesca no Gran Sol (ANASOL), en colaboración co Ministerio e o Fondo Europeo de Pesca, vén de poñer en marcha unha campaña para potenciar a comercialización e o consumo de especies descartadas, baixo o slogan de Novos sabores do mar á mesa.

A Unión Europea aprobou o pasado 27 de febreiro prohibir a partir del 2015 a práctica de devolver os descartes da pesca ao mar, o que fará necesaria unha maior aposta polas especies até agora descartadas. O FROM promoveu no ano 2008 a realización dunha medida innovadora para a recuperación, xestión e valorización dos descartes pesqueiros xerados pola flota española, contratando a realización da misma á Cooperativa de armadores de pesca do Porto de Vigo.

A campaña nucléase ao redor dunha web de promoción da comercialización destas especies que facilita a identificación dos descartes, coñecer as súas capturas, os seus datos nutricionais, ofrece receitas elaboradas con estes produtos do mar así como videos sobre cada unha das especies. A través desta plataforma online tamén se poderán coñecer as capturas e as datas de chegada a porto de cada barco con cada unha das especies.

Faise fincapé sobre todo no aproveitamento gastronómico destes novos peixes antes descartados porque deste xeito, "contribúese de xeito positivo no mantemento do ecosistema mariño". É por isto que editaron un recetario con diversas receitas elaboradas con estes peixes dende diversas posibilidades gastronómicas como, por exemplo a Empanada de millo de granadeiro, Granadeiro con fideos e langostilla, Arete con allada e langostillas, Montadiños de pexego con ensalada de langostilla, ou Langostilla á mariñeira.

Empanada de granadeiro © www.idescartes.com
Captura de pantalla da web © www.idescartes.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.