O 31 de marzo. Esa semella ser a data límite ofrecida polas persoas enganadas a través da estafa das participacións preferentes de NCG para que os novos responsables da entidade lles ofrezan unha solución que pase pola devolución dos seus aforros. É a data que tamén apuntou en decembro Juan Carlos Escotet Rodríguez, director de Banesco, como prazo para a resolución do conflito. E parece ser a marxe que varios concellos do Baixo Miño, comezando por Tui, Tomiño e A Guarda, lle darán a entidade antes de cumprir a súa ameaza de cancelas as contas que cada unha posúe no banco.
Este xoves a proposta debaterase e, con toda seguridade, aprobarase no pleno do Concello de Tomiño
O pleno do Concello de Tui xa o aprobou o pasado 30 de decembro, fixando un prazo de 90 días (que vencerá o vindeiro 20 de marzo) para a cancelación e retirada dos 2,3 millóns de euros que aínda ten depositados en Novagalicia Banco. Este xoves unha proposta semellante debaterase e, con toda seguridade, aprobarase no pleno do Concello de Tomiño. O grupo de Goberno, formado polo BNG, recolle a promesa lanzada por Escotet e na moción propón agardar até ese 31 de marzo para retirar os cartos se antes desa data non se ofrece "unha solución" que "satisfaga os intereses dos estafados" e que "pasa pola devolución íntegra do diñeiro de todos eles". Unha moción semellante votarase e aprobarase no pleno municipal da Guarda a vindeira semana, pois xa este martes foi aprobada pola xunta de portavoces.
Escotet ratificou hai dúas semanas a súa promesa de anunciar unha solución aos preferentistas nese período de 90 días que rematará a finais de marzo, pero eludiu anticipar nada máis nin dar prazos máis concretos
Juan Carlos Escotet ratificou hai dúas semanas a súa promesa de anunciar unha solución aos preferentistas nese período de 90 días que rematará a finais de marzo, pero eludiu anticipar nada máis nin dar prazos máis concretos. Fíxoo nunha xuntanza co alcalde de Vigo, Abel Caballero, á que tamén asistiu Francisco Botas, que exercerá de conselleiro delegado de Novagalicia Banco. Escotet afirmou que os compradores do banco galego “son conscientes da importancia social e tamén para o propio negocio bancario" do conflito das preferentes e de que polo tanto teñen que "resolver o problema”. O pasado 1 de febreiro milleiros de afectados e afectadas por esta estafa volveron manifestarse, desta volta en Vigo, para esixirlle aos responsables de Banesco que cumpran a súa promesa.