As modificacións orzamentarias son algo habitual en calquera Administración pública. Ao longo dun ano xorden múltiples incidencias imposibles de prever que obrigan os gobernos a afinar as súas contas, xeralmente movendo fondos entre distintas partidas do orzamento. Isto é o que se viu obrigada a facer a Consellería de Traballo o pasado mes de abril e, se ben a operación en si non é extraordinaria nin tampouco a súa contía -en comparación coas magnitudes económicas que move un Goberno- si o son a orixe e o destino dos cartos, dándose a circunstancia de que fondos dun departamento que ten como obxectivo promover o emprego e tentar sacar do paro a persoas que se atopan nel serviron para financiar xusto o contrario: dous despedimentos.
Os cartos saíron da partida de "formación profesional de desempregados"
Culminada o pasado 10 de abril esta operación moveu case 30.000 euros, nomeadamente 29.605,88 dentro do programa 323A do orzamento da consellería que Beatriz Mato. A priori, unha primeira ollada a este movemento tampouco é especialmente rechamante; transfírense os fondos dende a partida de "gastos de funcionamento dos centros docentes non universitarios" á de "retribucións básicas". Pero unha observación un pouco máis detida permite coñecer máis detalles. Esa partida de centros docentes, de 12,9 millóns, forma parte do montante máis cuantioso dos que manexa a Dirección Xeral de Formación e Colocación dentro dos cartos destinados á "formación profesional de desempregados". Neste contexto, o destino dos cartos é sensiblemente paradoxal tendo en conta a súa orixe. Serviron para "poder facer fronte ao pagamento das cantidades correspondentes como consecuencia do establecido" en dúas sentenzas do Xulgado do Social número 3 de Lugo, nas que "se declara improcedente o despedimento de dous traballadores dependentes desta consellería", explica a preceptiva exposición de motivos que acompañou a modificación. Segundo Traballo, o troco puídose realizar porque "non ten incidencia negativa na consecución dos obxectivos previstos".
Cartos de bolsas universitarias para pagar seguridade
A de Traballo non é a única modificación orzamentaria significativa nos últimos meses. Sen saír do ámbito social a Consellería de Educación tamén ofrece datos rechamanetes neste ámbito, neste caso por un montante económico sensiblemente máis importante que o dos cartos de Formación e Colocación cos que se abonaron as sentenzas por despedimento. Nomeadamente, a modificación, con data do 26 de abril, move 387.161 euros que o departamento de Jesús Vázquez tiña reservados para "bolsas a alumnos universitarios". Segundo a consellería este programa "conta con crédito e remanente suficiente", o que permite transferir a cantidade para o epígrafe de "seguranza". Concretamente, os case 400.000 euros de bolsas transferíronse "para poder facer fronte aos pagamentos derivados da seguranza das instalacións da ETEA en Vigo, tras o traspaso da propiedade das mesmas ás Xunta (...), derivado da sinatura do convenio para a creación da Cidade do Mar.
Case 400.000 euros de bolsas movéronse para pagar a seguridade da ETEA de Vigo
Aínda hai, cando menos, dous cambios máis nas contas, procedentes da Secretaría Xeral de Medios, con dependencia directa da Presidencia da Xunta. Elévanse alén dos dous millóns de euros e tiveron como destino distintos medios de comunicación. A maior destas dúas transferencias ascende a 1,4 millóns de euros, que foron mobilizados dende o fondo de continxencia, a bolsa económica que se incorpora a algúns orzamentos públicos para facer fronte a imprevistos. Foi precisamente o programa de "imprevistos e funcións non clasificadas" o que se adelgazou para engordar o de "cobertura informativa e apoio á comunicación social". Con que finalidade? "Contar co crédito suficiente para atender unha liña de axudas ás empresas xornalísticas e de radiodifusión que teñan como obxecto a publicación e difusión de información e actuacións orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da cultura", explica a secretaría xeral.
O mesmo departamento efectuou outro movemento, neste caso de 680.000 euros e culminado o 25 de abril. Desta volta a resta produciuse no programa de "investimentos en tecnoloxías da comunicación" e a suma, nos "programas de comunicación social e outras actuacións". O que di a letra pequena é que "o obxecto da modificación é a dotación con crédito suficiente para poder facer fronte aos gastos derivados da formalización de convenios de colaboración con xornais diarios galegos" para desenvolver "o programa A prensa nas aulas. Que medios? Que fins?, cuxa principal finalidade é potenciar e promover o uso da prensa escrita como instrumento de formación complementaria do alumnado en centros públicos docentes non universitarios", explica Medios no correspondente documento oficial.