En Galicia, segundo os últimos datos da EPA do terceiro trimestre do ano, hai máis de 206.700 persoas paradas. De todas elas, case 152.000 (151.892), o 73,5%, non perciben prestación ningunha e atópanse desprotexidas. Son practicamente tres cuartas partes do total de desempregados do país.
Case 152.000 persoas paradas (o 73,5%) non perciben prestación ningunha
Así, o número de persoas paradas sen protección aumentou en máis de 13.000 en Galicia desde que Mariano Rajoy accedeu á presidencia do Goberno do Estado en 2011, o que supón un incremento do 10% do número de desempregados desprotexidos e que equivale a unha taxa de protección do 26,5% no país, onde arredor de un de cada catro parados percibe algunha achega, unha cifra aínda inerior á do conxunto do Estado, onde se sitúa no 26,7%.
O número de persoas paradas sen protección aumentou en máis de 13.000 en Galicia desde que Rajoy chegou á Moncloa
Estes son os datos que se tiran dun novo estudo da Fundación 1º de Maio, elaborado por Enrique Negueruela, membro do Consello de Emprego, Economía Social e Relacións Laborais deste organismo. Nel, debúllanse as cifras para determinar a protección real da cidadanía sen traballo contrapoñéndoa á denominada taxa de cobertura -que basea a súa porcentaxe só nos parados rexistrados nas oficinas de emprego pero non na EPA nin en todas as persoas sen emprego- e que se situaría nuns vinte e pico puntos máis. En setembro, esta taxa alcanzou en Galicia o 51,1% -un nivel historicamente baixo- fronte ao menos do 27% da protección real dos desempregados.
Se a taxa de cobertura -que tan só inclúe os demandantes parados apuntados nas oficinas de emprego e os eventuais do subsidio agrario que non figuran no cómputo do paro rexistrado- está a alcanzar niveis de precariedade máxima, máis aínda a de protección. No segundo trimestre deste ano, sitúase en Galicia nese 26,5%, 12 puntos menos que no mesmo período de 2011. De terse mantido a taxa de xusto antes da chegada do PP ao poder no Estado, agora mesmo habería en Galicia 25.000 persoas máis protexidas.
Homes | 3º T 2011 | 3º T 2016 | |
De 16 a 29 | 22,1% | 6% | |
De 30 a 44 | 47% | 26,9% | |
De 45 a 64 | 69,1% | 47,8% | |
Total | 45,1% | 30,1% | |
Mulleres | |||
De 16 a 29 | 19,5% | 9,7% | |
De 30 a 44 | 36,6% | 24,7% | |
De 45 a 64 | 37,4% | 29,4% | |
Total | 32% | 22,9% | |
Ambos sexos | |||
De 16 a 29 | 20,9% | 7,8% | |
De 30 a 44 | 41,7% | 25,7% | |
De 45 a 64 | 53,4% | 39,4% | |
Total | 38,6% | 26,5% |
Esta desprotección afecta aínda máis as mulleres, cunha taxa sete puntos inferior á dos homes (22,9% fronte ao 30,1%), o que supón que bastante menos de unha de catro galegas en paro percibe algunha prestación. Esta situación dáse en todas as franxas de idade menos nas máis novas, onde a situación dos homes é mesmo peor, cunha protección que só abrangue o 6% dos parados.
Tan só o 23% das mulleres paradas galegas cobran algunha prestación
En global, a taxa máis baixa de protección en Galicia recae nos desempregados menores de 30 anos, xa que tan só o 7,8% percibe algunha prestación, fronte ao 20,9% de hai cinco anos. No país hai máis de 45.000 mozos sen prestacións e algo menos de 4.000 protexidos, o que dá conta da precariedade e nula cobertura da mocidade.
En Galicia hai máis de 45.000 mozos sen prestacións e algo menos de 4.000 protexidos
Na franxa entre os 30 e os 44, a taxa de protección sitúase no 25,7%, o que supón que hai máis de 62.000 persoas desta idade que non son perceptores de prestacións, e tras reducirse a protección en once puntos en tan só cinco anos.
Os maiores de 45 anos son os que contan cunha taxa de protección maior, pero aínda así só un de cada treds está protexido, ao tempo que as mulleres nesta franxa de idade teñen unha taxa case vinte puntos inferior aos homes. En xeral, hai en Galicia máis de 46.000 persoas paradas maiores de 45 anos que non contan con prestación ningunha.
En resumo, e como destaca o propio informe, trece de cada catorce mozos, tres de cada catro mulleres e dous de cada tres homes están desprotexidos.