Turismo en Galicia: Ao son dos anos xacobeos

Turistas nas cubertas da catedral de Santiago © Santiago Turismo

Cada vez son máis os e as turistas que chegan a Galicia. É unha afirmación certa, que dende a Xunta se repite decote cando se quere ofrecer unha visión optimista deste sector económico. Porén, o incremento global no número de visitantes (sobre todo dos e das que chegan de fóra de España) non oculta que este crecemento se produce no marco dunha mellora xeral (e máis importante aínda) no número de turistas que recibo o Estado no seu conxunto. E que, ademais, os incrementos rexistrados en Galicia na última década se basean unicamente nos efectos inmediatamente posteriores á celebración dos anos xacobeos. Non por casualidade, a intervención da represtación galega na xuntanza do Consello Executivo da Organización Mundial do Turismo (OMT), celebrada nos últimos días en Compostela, se centrou case en exclusiva nas referencias ao Camiño de Santiago como "unha das motivacións fundamentais para atraer turistas a Galicia", como destacou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Os datos son claros. Entre 2003 e 2013 a entrada de turistas extranxeiras en Galicia experimentou un crecemento do 14,48 por cento, pasando das 745.845 persoas ás 853.225. Nese mesmo período a evolución no conxunto do Estado foi dun incremento do 19,27%, dos 50 millóns aos 60 millóns de turistas. Os datos galegos, sen ser malos, están por debaixo dos ascensos rexistrados en varias comunidades do norte do Estado, coma Asturias (+66%), Cantabria (+30%) ou Euskadi (+52%), e tamén doutras, cun turismo máis asentado, coma Madrid ou Baleares.

Nos anos seguintes á celebracións do Xacobeo de 2004 e 2010, a entrada de turismo extranxeiro en Galicia creceu cunha gran forza: 59% en 2005 e 24% en 2011

Na evolución dos datos galegos chama a atención, sobre todo, a súa ligazón á celebración dos anos xubileos, sobre todo aos seus efectos como chamado publicitario. De feito, nos anos seguintes á celebracións do Xacobeo de 2004 e 2010, a entrada de turismo extranxeiro en Galicia creceu cunha gran forza: 59% en 2005 e 24% en 2011. No resto dos anos a cifra de visitantes cae ou, como moito, estáncase. Crece de xeito constante, iso si, o gasto medio en Galicia dos e das turistas extranxeiras, pasando dos 736 euros de media en 2004 aos 864 en 2013, unha evolución semellante á experimentada do conxunto de España (dos 864 euros aos 976).

A evolución xeral dos e das visitantes residentes en España amosa unhas características semellantes: estancamento xeral, e excesiva dependencia dos anos santos composteláns. O número total de viaxeiros e viaxeiras españolas a Galicia mesmo descende nos últimos anos, pasando dos 3.739.522 de 2007 aos 3.216.346 de 2012. Ademais, só coincidindo co Xacobeo de 2010 a tendencia cambia: nese ano o número de viaxeiros e viaxeiras creceu en 400 mil.

O número total de viaxes a Galicia por parte de residentes en España tamén experimenta un claro descenso neste período. Das 10.115.768 viaxes de 2005 pásase ás 8.127.788 de 2012

O número total de viaxes a Galicia por parte de residentes en España tamén experimenta un claro descenso neste período, segundo os datos do INE. Das 10.115.768 viaxes de 2005 pásase ás 8.127.788 de 2012. Unha redución que se deixa sentir en todos os períodos vacacionais: Semana Santa (de 277.100 a 199.875), Verán (de 1.186.219 a 893.094), Nadal (de 295.060 a 211.143) e mesmo pontes (de 585.156 a 278.217). Tan só nas viaxes de fin de semana se observa un leve incremento (de 4.154.116 a 4.209.580).

Descende tamén neste período o grao de ocupacións das prazas hoteleiras e das casas de turismo rural, e tamén a duración da estadía media neles. Se en 2007 o grao de ocupación dos establecementos hoteleiros era do 37 por cento, en 2012 caeu até o 28 por cento, completando cinco anos de descensos continuados. O mesmo sucedeu nos establecementos rurais (caeron do 17 ao 11 por cento), e coas estadías medias (pasaron de 2,2 días a 2,1 días nos hoteis e de 2,2 a 1,9 nas casas de turismo rural.

Descende tamén neste período o grao de ocupacións das prazas hoteleiras e das casas de turismo rural, e tamén a duración da estadía media neles

O descenso prodúcese en todos os destinos e comarcas, agás a Costa da Morte e a zona de Verín-Viana, cando menos á vista das estimacións realizadas polo IGE a partir dos datos de 2011 e 2012. Estes datos tamén permiten comprobar que a gran maioría das durmidas en establecementos hoteleiros galegos (de calquera tipo, dende hoteis a acampamentos turísticos) se concentran nas áreas de Arousa (1.540.807 noites en 2012), Compostela (1.431.453), A Coruña (1.084.510) e Vigo (1.033.361). Entre as catro suman máis de cinco millóns das 7,9 millóns de pernoctacións anuais en Galicia.

Turistas nas cubertas da catedral de Santiago © Santiago Turismo
Durmidas en aloxamentos turísticos en 2012 sobre o total de Galicia. En % © IGE
Número de visitantes de fóra de España entre 2003 e 2013 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.