Un traballador doutra autonomía vén a Galicia por cada dous galegos que marchan fóra

Dominio Público Praza Pública

Por cada contratación que en Galicia se fixo dun traballador chegado doutra autonomía, case dous galegos marcharon a outra comunidade do Estado a traballar. É un dos datos que se tira dun estudo do SEPE (Servizo Público de Emprego Estatal) sobre mobilidade laboral, que confirma o país como un dos territorios con maior saldo negativo e, xa que logo, maior diferenza entre o número de contratos a cidadáns que chegan fronte aos que se lles realiza fóra aos que saen.

Así, as contratacións de galegos e galegas noutras comunidades durante o pasado 2015 superaron en máis de 22.500 ás dos que viñeron ao país. En concreto, case 50.000 traballadores de Galicia foron contratados noutra autonomía (49.963) mentres que 27.444 chegados de fóra comezaron a traballar nalgunha das catro provincias. É un aumento das saídas de máis do 9% con respecto ao exercicio anterior pero tamén das entradas (+8,8%).

As contratacións de galegos noutros territorios superaron en máis de 22.500 ás dos que viñeron traballar a Galicia

Só cinco autonomías teñen un saldo negativo maior -estando moi destacada Andalucía-, mentres que Galicia ten a segunda taxa de mobilidade máis baixa (4,36). Esta taxa mide a proporción de contratos que implican desprazamento sobre os contratos que afectan o conxunto do territorio. E o país non sae nada ben parado. 

Case un terzo dos traballadores galegos que marcharon traballar a outras autonomías foron contratados en Madrid

Ademais, das 50.000 persoas que marcharon traballar a outra comunidade no pasado 2015, case un terzo (15.610) foron contratados en Madrid. E case a metade (23.800) acaban na comunidade madrileña ou Catalunya, onde empezaron a traballar máis de 8.000 persoas. A continuación, entre as autonomías con maior recepción de galegos están Castilla y León, Asturias, Andalucía, Euskadi e as Canarias, aínda que todas elas cunha proporción semellante respecto do total. 

Xa que logo, e como se pode comprobar, Madrid continúa a ser o principal receptor dos traballadores galegos. 7.600 deles chegaron aló da provincia da Coruña, 5.400 desde a de Pontevedra e sobre 1.300 de Lugo e Ourense respectivamente. 

Con todo, tan só hai seis autonomías onde o fluxo de contratacións con respecto a Galicia sexa positivo, onde hai máis persoas que veñen traballar ao país das que marchan de aquí a empregarse aló: Asturias, Castilla y León, Castilla-La Mancha, Extremadura, Andalucía e Cantabria. Pola contra, o saldo é moi negativo con Catalunya e Madrid especialmente, pero tamén coas Canarias, Illes Balears ou Euskadi. 

Por outra banda, e tal e como se destaca no informe, Pontevedra sitúase entre as provincias do Estado máis emisoras durante os últimos anos, "continuando agora e incrementando o saldo negativo", xunto a Córdoba e Sevilla. No caso da Coruña, destaca que, aínda que minguado o número, segue a ser tamén un territorio claramente emisor. 

Ademais, tamén se destacan os importantes fluxos interprovinciais de contratación entre A Coruña e Pontevedra. Durante 2015, asináronse us 13.400 contratos por pontevedreses no territorio veciño, mentres que 5.328 fixeron o camiño contrario. Ademais, as dúas, xunto con Ourense, acabaron cun saldo negativo, pero non así Lugo, onde houbo 4.550 máis que asinaron un contrato vindo doutra provincia que das que marcharon a outra a traballar. De feito, o terceiro principal fluxo migratorio desde terras coruñesas e pontevedresas é á veciña provincia de Lugo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.