Un xuíz prohíbelle a Gas Natural Fenosa cobrar consumos eléctricos xerados un ano atrás

Unha factura da luz CC-BY-SA Praza Pública

O Xulgado Mercantil nº 1 da Coruña fixo pública este luns unha rotunda sentenza (ditada o pasado 2 de decembro) que prohíbe a Gas Natural Fenosa facturar consumos eléctricos con máis dun ano de antigüidade. Tamén lle prohíbe interrromper o subministro e incorporar os clientes nun ficheiro de solvencia patrimonial no caso de que esas facturas non sexan abonadas. A sentenza, contra a que a compañía pode interpoñer recurso de apelación, prevé unha multa de dez mil euros diarios á empresa no caso de que -a partir dun prazo de dous meses- incumpra o ditame. Ademais, o xulgado notificaralle ao Ministerio de Industria a súa decisión, para que este valore a posibilidade de impoñer outras sancións, de tipo administrativo.

A sentenza lembra que a normativa establece que "a lectura da enerxía será realizada polo encargado da lectura cunha periodicidade bimestral e posta a disposición da empresa comercializadora de último recurso", engadindo que “en todo caso (...) realizarase unha regularización anual en base a lecturas reais e, en caso de que o consumidor non facilite as lecturas, esa regularización anual poderá realizarse en base a estimacións”.

O pasado mes de abril o mesmo xuíz, José María Fernández Abella, impuxo unha serie de medidas cautelares neste mesmo senso, que agora confirma co auto definitivo. A reclamación da Fiscalía da Coruña tivo a súa orixe nunha demanda colectiva impulsada por 65 consumidores e consumidoras, que reclamaran ante o Instituto Galego de Consumo.

 

Edificio dos xulgados da Coruña © Turgalicia
Unha factura da luz CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.