Un xulgado da Coruña admite unha nómina como vía para comunicar unha modificación das condicións de traballo

Dominio Público CIG

O Xulgado do Social número 3 da Coruña vén de ditar unha sentenza na demanda presentada por un empregado da empresa Remocsa (concesionaria dos servizos do Club Financeiro), na que dá por válida unha nómina como medio para comunicar a modificación substancial das condicións de traballo. CIG-Servizos considera “inaudita” a resolución, que “deixa na máis absoluta indefensión ao traballador afectado, e abre unha perigosa vía de interpretación da xurisprudencia social con incertas derivas”.

Remocsa decidiu retirar un plus de incentivos que o persoal viña cobrando dende sempre. A medida foi comunicada de xeito verbal polos responsábeis da empresa, mais nunca chegaron a realizar unha notificación por escrito como legalmente corresponde. Pouco despois os traballadores e traballadoras comprobaron nas súas nóminas que a empresa fixera efectiva esta retirada de incentivos –que nalgúns casos supón unha perda de até 700 euros mensuais- e recorreron a medida pola vía xudicial.

CIG-Servizos denuncia que podería aplicarse o mesmo “método” para notificar calquera decisión empresarial, incluído o despedimento de traballadores

Até o momento, a xurisprudencia entendía que para que unha empresa procedese á modificación substancial das condicións de traballo era preceptiva unha comunicación escrita entregada con 15 días de antelación ao persoal afectado. Nesa comunicación a empresa tiña que expor (nunha linguaxe entendíbel) as razóns e motivos que xustifiquen a aplicación desta medida.

Porén, agora o xulgado do Social 3 da Coruña, nunha resolución inaudita e que supón unha novidade xurisprudencial, interpreta que non é preceptiva a mencionada comunicación por escrito e que á empresa chégalle con entregar soamente unha nómina para dar por notificados os cambios. CIG-Servizos entende que esta interpretación por parte do xulgado resulta “un auténtico atropelo”, xa que podería aplicarse o mesmo “método” para notificar calquera decisión empresarial, incluído o despedimento de traballadores.

Dominio Público CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.