Unha árbore de Nadal que vale por tres

Árbores de Nadal Verde © Nadal Verde

Unha árbore de plástico ou unha árbore natural pero trasladada dende moi lonxe? Son dúas das opcións que, cando menos ata agora, tiñan as persoas que desexaban decorar a súa casa pola Nadal coa clásica árbore. Esta dúbida foi detectada por Pedra Salgada, unha pequena empresa de xardinaría compostelá que pensou nunha terceira opción: ofrecer as típicas árbores de Nadal, isto é, coníferas con forma piramidal e acículas que non pican os dedos, pero facelo non só non prexudicando, senón beneficiando o ecosistema do país.

Así foi como xurdiu o proxecto Nadal Verde. "Buscamos oco nunha realidade quen non existía", explica o seu impulsor, Elías Rozas. Trátase de "que non proliferen as árbores de plástico e de que, quen queira, poida ter unha árbore viva con garantías de que non vaia para o lixo" cando deixe de ser un elemento decorativo. Pero, como é posible que este negocio redunde no medio ambiente se as típicas árbores de Nadal non son autóctonas -proceden do Cáucaso ou de América, por exemplo-? Por cada unha das árbores alóctonas que teñen dispoñibles "mercamos dúas autóctonas en viveiros locais", que son plantadas e "serán doadas a proxectos de restauración medioambiental ou centros de ensino". "Con isto -sinalan- axudaremos a manter a biodiversidade e a fomentar a demanda nos viveiros locais de planta autóctona".

"Axudamos a manter a biodiversidade e a fomentar a demanda de plantas autóctonas nos viveiros locais"

Con esta base, Nadal Verde ofrece a posibilidade de solicitar, a través da súa web, o aluguer dunha das súas árbores. Pedra Salgada achégaa á casa de quen a solicitase e recóllea tras as festas. No caso de querer que esa mesma árbore regrese ao fogar o vindeiro Nadal "existe a posibilidade de apadriñala" e "facer un seguimento" do seu medre. "Plantámola nas nosas fincas e pódese ir visitar", explica Elías Rozas, especialmente interesado en reducir o 40% de árbores que "fracasan", isto é, que non chegan ao ano que vén. Non obstante, advirte de que ese retorno se pode producir "dous ou tres anos". "A partir do cuarto medra demasiado e xa non ten valor comercial", toda vez que sería "moi caro transportala" e, ademais, non collería nunha casa ordinaria.

E, que pasa se unha das árbores morre na casa da clientela? Aínda que as especies están "moi ben elixidas" para, por exemplo, resistir a calefacción dos fogares e estar perfectamente adaptadas a unha maceta, "se por descoido, por natureza ou por calquera outra razón algunha das árbores non sobrevivise", o proxecto Nadal Verde "plantará dúas árbores máis, unha para alugar e outra autóctona, para plantar no inverno seguinte nun espazo natural". Polo momento, estas árbores só chegan a Compostela e o seu entorno.

Unha árbore de Nadal Verde, na compostelá Nave de Vidán © Nadal Verde

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.