Unha cadea humana pide en Coia máis investimento social

Un momento da cadea humana © Oficina de Dereitos Sociais de Coia

A Oficina de Dereitos Sociais (ODS-Coia) e a parroquia do Cristo da Victoria esixen "un incremento significativo" do investimento social nos orzamentos do Concello de Vigo. Con este obxectivo convocaron este domingo unha cadea humana que contou coa participación de varios centos de persoas. Esta reivindicación prodúcese nun barrio con 14 mil desempregados, dos que apenas cinco mil reciben algún tipo de subsidio.

Hai tempo que desde a ODS-Coia e a Parroquia do Cristo da Victoria se vén constatando un incremento das demandas de axuda da veciñanza máis afectada pola crise económica que estamos a padecer. E en paralelo apréciase unha queixa reiterada polas dificultades para acceder ás axudas da Xunta de Galicia e do Concello de Vigo, así como pola lentitude na súa tramitación. Estes colectivos salientan que "estamos a falar de familias en situación desesperada, carentes de recursos para poder abonar os gastos cotiás de luz, auga, alimentos..., familias que non reciben o trato preferente e urxente que debería ser a prioridade daqueles que administran os cartos da cidadanía".

En Coia hai 14 mil persoas en paro (o 36% dos parados de Vigo), das que só algo menos de 5.000 reciben algunha prestación ou subsidio. Trátase se cadra do barrio vigués máis afectado pola crise, na cidade galega máis afectada pola crise cun total de 38.100 persoas desempregadas, o que supón unha taxa de desemprego do 24,2%. Estes dous colectivos denuncian a escasez do número de axudas sociais e da contía das mesmas pois só 5.000 familias en Galicia e 1.000 en Vigo perciben a RISGA, cunha media de 400 euros ao mes.

Trátase se cadra do barrio vigués máis afectado pola crise, na cidade galega máis afectada pola crise cun total de 38.100 persoas desempregadas, o que supón unha taxa de desemprego do 24,2%

Esta mobilización "xorde como unha denuncia e unha esixencia dirixida ás administracións públicas, neste caso á máis achegada a nós, o Concello de Vigo, que a todos nos representa, para que asuma como a súa primeira obriga garantir o cumprimento dos dereitos básicos de todas as persoas e proporcionar as condicións para que a nosa veciñanza poida vivir con dignidade, repartindo a nosa riqueza de xeito xusto". A mobilización pretendía exisirlle ao Concello de Vigo, agora que está a debater os orzamentos do próximo ano, "que incremente de xeito significativo as axudas económicas dirixidas a cubir situacións de emerxencia e falla de recursos". 

Cadea humana por unha renda social básica © Oficina de Dereitos Sociais de Coia
Cadea humana en demanda de solución para as persoas en situación de pobreza e exclusión social © Oficina de Dereitos Sociais de Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.