Unha cadea humana polo futuro do naval en Ferrol

A ponte das Pías e, ao fondo, Ferrol Dominio Público Praza Pública

En xaneiro de 1984 milleiros de persoas formaron unha cadea humana de 20 quilómetros de extensión, rodeando a ría de Ferrol a través dos concellos de Narón, Neda, Fene e a propia cidade departamental, en protesta polo plan de reconversión naval. A acción, que a pesar de reunir varios milleiros de persoas non se chegou a completar por mor da forte choiva que caeu ese día, é aínda lembrada na comarca e foi unha máis das accións que ao longo dese ano denunciaron as medidas de axuste para os estaleiros.

A CIG vén de convocar para o 13 de decembro a realización dunha cadea humana na Ponte das Pías para denunciar "o grave risco de desertización, non só industrial senón tamén humana" da comarca

Trinta anos despois, a CIG vén de convocar para o 13 de decembro a realización dunha cadea humana na Ponte das Pías para denunciar "o grave risco de desertización, non só industrial senón tamén humana" da comarca. O sindicato anunciou este venres a posta en marcha dunha campaña para demandar actuacións inmediatas que permitan a reindustrialización e diversificación industrial da comarca. Fixo ademais un chamamento a todas as organizacións sociais para que participen na asemblea aberta prevista para o martes día 4 de novembro.

A CIG lembra que, á vista dos últimos datos publicados pola EPA, a comarca de Ferrolterra é, con diferenza, a máis castigada de Galicia polo paro e a emigración. A taxa de desemprego, dun 30% na cidade de Ferrol, sitúase por enriba do resto das cidades galegas e as taxas de actividade e de ocupación son as máis baixas das sete cidades. Hai 10.000 persoas máis inactivas que activas. Os secretarios comarcais da CIG-Ferrol, Manel Grandal e Xesús Anxo López Pintos, advertiron ademais de que a emigración se está "incrementando de forma brutal", até tal punto que Ferrol "camiña cara a converterse nun mortuorio”.

Grandal denunciou que “nunca houbo unha planificación industrial nesta comarca” e que os sucesivos plans que se foron aprobando, incluído o máis recente, o Plan Ferrol, foron un fracaso

O sindicato demanda que é "máis urxente que nunca pór en marcha medidas que permitan a reindustrialización e diversificación industrial da comarca", unhas medidas que “dependen de decisións políticas” e que deberían de estar a se adoptar xa. Grandal denunciou que “nunca houbo unha planificación industrial nesta comarca” e que os sucesivos plans que se foron aprobando, incluído o máis recente, o Plan Ferrol, foron un fracaso. De feito, lembraron que dos 45 millóns de euros cos que estaba dotado o plan no último ano só se utilizaron 800.000 para unha empresa.

Consideran que a primeira decisión política a adoptar tería que ser a construción do dique flotante, vital para manter e incrementar o emprego. Nese sentido lembraron que o propio comisario de Competencia, Joaquín Almunia, sinalou recentemente que outros estados da UE negociaron directamente coa Comisión, que non só abriu a man, senón que mesmo axudou a dar solucións para que se puideran financiar con fondos públicos multinacionais como a Peugeot ou outros estaleiros europeos. Fronte a isto denunciou que mentres outros estados fan iso, “o goberno español e a Xunta de Galicia asubían para outro lado e escúdanse nas leis que eles mesmo decretan”.

A CIG demanda medidas de discriminación positiva coa comarca, "ao igual que se está facendo noutros países europeos nos que se favorecen zonas castigadas polo abandono de certas actividades, coma a mineira ou similares"

Xunto a isto a CIG demanda medidas de discriminación positiva coa comarca, "ao igual que se está facendo noutros países europeos nos que se favorecen zonas castigadas polo abandono de certas actividades, coma a mineira ou similares", din. “Pódese facer, pero aquí non interesan esas políticas”, engadiron.  Alertaron da situación que se aveciña a partir do 1 de xaneiro, data na que se levanta o veto para a construción civil, porque “non se está facendo nada para que no inmediato un estaleiro como Astano poda construír, porque para iso habería que adaptalo e dotalo de persoal para poder afrontar programas e estar no mercado, cousa que non se está facendo”.

Por último, esixiron "que se revise, con urxencia, a lexislación que rexe a produción de enerxía eólica", xa que a actual está afectando de forma moi negativa ao sector e levou ao peche de empresas e a unha importante perda de emprego. “Eramos a comarca a potenciar nese campo e tirouse abaixo”, concluíron.

A ponte das Pías e, ao fondo, Ferrol Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.