A economía española estará oficialmente en recesión cando se coñezan os datos de contabilidade nacional correspondentes ao primeiro trimestre. De xeito estrito, unha recesión se produce tras unha caída da actividade económica de dous trimestres consecutivos. Enténdese por depresión económica, por contra, un longo proceso de caída de actividade e consumo. Unha recesión máis grave, sen o corsé purista do semestre en vermello. O perfil de evolución do PIB español dos últimos catro anos deixa ver que as pequenas taxas positivas de crecemento non serviron para afastar a pantasma da depresión. España non crea emprego neto se non medra a un ritmo superior ao 2% interanual. 2012 pechará cunha contracción de, como mínimo, o 1,5%.
Na mesma situación que España ( de caída da actividade económica) están Grecia, Portugal ou Italia. En menor medida, pero tamén cunha recaída na recesión, está o conxunto da eurozona. Para os países con menores perspectivas de saír da depresión a curto ou medio prazo existe un risco importante que vincularía a desfeita económica cun maremoto político. Un estudo de investigadores de Oxford e Berkeley, entre os que está o afamado economista Barry Eichengreen, vincula os procesos longos de caída da actividade co aumento do poder das forzas de extrema dereita.
"O máis relevante non é a suba no número de votos, senón o incremento do protagonismo" desas forzas de extrema dereita
O estudo tamén o asinan Alan de Bromhead e Kevin O'Rourke. Á conclusión á que chegaron, tras analizar os datos económicos e políticos do período 1929-1935 é que "hai un nexo entre o extremismo político e os malos tempos económicos", de contración da actividade. "O máis relevante non é a suba no número de votos, senón o incremento do protagonismo" desas forzas de extrema dereita. Os países con "menor historia democrática" son os máis proclives a padecer esta circunstancia. Canto máis severa é a depresión económica máis estrutural, conclúe o informe, se fai a ideoloxía extremista.
A crise actual pode alimentar os extremismos "do mesmo xeito que sucedeu" nos anos 30
"O impacto da crisis de crédito global e a Gran Recesión (o período actual, a Gran Depresión foi nos anos 30) ten sido máis que económico", sostén Eichengreen. Na súa opinión, tanto nas democracias parlamentarias como nas presidenciais, os Gobernos perderon a batalla. "A dureza dos tempos actuais incrementou a polarización e o apoio aos partidos de extrema dereita, incluídos os que están en contra de que exista un sistema político" democrático. "Todo isto incrementa o temor" de que a crise actual poida alimentar os extremismos "do mesmo xeito que sucedeu" nos anos 30.
Son numerosos os estudios que vinculan a crise coa suba das políticas máis extremas. O de Eichengreen é o máis recente, presentado hai dúas semanas, e establece unha vinculación entre o sucedido hai 80 anos coa actualidade. O informe de Berkeley e Oxford cre que, malia que hai moitos traballos feitos nesta materia, a vinculación entre a Gran Depresión e a Gran Recesión non está clarificada. Eichengreen, Bromhead e O'Rourke mencionan, por exemplo, un estudo de Stögbauer (2001) sobre a suba do paro en Alemaña e a forza que foi collendo o Partido Nazi (Nationalsozialistische Deutsche Arbeiterpartei, NSDAP)
Se se toman en consideración os resultados electorais anteriores e posteriores a 1929 apréciase como, malia ás evidentes diferencias entre países, o substancial parece querer uniformizar estes estados. Alemaña e Romanía son ben distintos, mais ambos os dous países viron incrementado o poder dos partidos antisistema no mesmo tramo temporal. Nas eleccións de 1928, a ideoloxía cualificada como antisistema obtivo o 1,2% dos votos. En 1937, e polo tanto tras o crac de 1929, máis do 25%.
PAÍS | Antes de 1929 | Despois de 1929 | ||
---|---|---|---|---|
% de votos | Ano | % de votos | Ano | |
Austria | 8,5 | * | 9,8 | 1930 |
Bélxica | 8,2 | 1929 | 24,7 | 1936 |
Bulgaria | 2,5 | 1927 | 13 | 1931 |
Chile | 0 | 1925 | 7,7 | 1937 |
Checoslovaquia (*) | 0 | 1929 | 25,5 | 1935 |
Dinamarca | 0,3 | 1929 | 4,2 | 1939 |
Finlandia | 28 | 1929 | 19 | 1930 |
Alemaña | 13,2 | 1928 | 58,3 | 1932 |
España | -- | -- | 16,2 (escanos, non % votos) | 1936 |
Holanda | 2 | 1929 | 7,6 | 1937 |
Media | 1,8 | -- | 7,6 | -- |
O estudo de Eichengreen, como se aprecia na táboa, inclúe como 'antisistema' tanto os partidos de extrema dereita como, no caso romanés, o de extrema esquerda. Alemaña, puntualiza, é un caso especial tendo en conta a situación do país tras a Primeira Guerra Mundial.
"Un ano de contracción económica non provoca un incremento exponencial do extremismo, pero unha depresión si"
A conclusión de Oxford e Berkeley
A análise dos datos e a contraposición co panel macroeconómico actual demostra, para os autores do estudo, que "existe un nexo entre o extremismo de dereitas e a depresión económica". Máis aínda, ao seu entender, "un ano de contracción económica non provoca un incremento exponencial do extremismo, pero unha depresión si". E insiste: "canta menor traxectoria democrática teña un país máis fácil será para a dereita extrema coller máis cotas de poder".