Unha folga comarcal en Ferrolterra exixirá "solucións" á grave crise da comarca

Manifestación dos traballadores de Navantia en Ferrol CC-BY-NC Susete

Como nos anos da reconversión naval. Todos os sindicatos maioritarios uníronse outra vez en Ferrolterra e as súas comarcas máis achegadas para convocar unha folga xeral o vindeiro 12 de xuño na zona e ante a "dramática" situación laboral e económica pola que pasan Trasancos, Eume o Ortegal, semellante á que nos anos 80 provocara outros tres paros comarcais e unitarios. Este será o cuarto.

Será a cuarta folga comarcal logo das tres convocadas nos duros anos 80

Anunciárono este luns os sindicatos CIG, CCOO, UGT e USTG dunha comarca, a de Ferrol, que soporta as taxas de paro máis altas de Galicia, cun 32%, e que a sitúa como a zona máis afectada polo desemprego e a crise económica en todo o país. As catro centrais coinciden, tal e como asegurou Xesús Anxo López Pintos, voceiro comarcal da CIG, en que a cidadanía enteira é "vítima das políticas do goberno do Estado", pero tamén das levadas a cabo polas administracións autonómica e local, ás que acusan de incumprir as súas promesas no ámbito do naval, das infraestruturas ou á hora de planear unha política industrial e de diversificación que non dá chegado.

Á crise xeral unéselle en Ferrolterra, Eume ou Ortegal o desmantelamento do naval e do sector eólico

Ferrolterra esixe solucións foi o lema elixido para unha convocatoria na que se inclúe tamén unha manifestación a partir das 12 do mediodía e desde a praza do Inferniño.

A grave crise pola que atravesa o naval ferrolán, á espera dos floteis de Pemex que non chegan e dun dique flotel que o propio Goberno parece descartar, é unha pinga máis -e moi grave- na desesperación dunha comarca que ve tamén como se desmantela un sector, o eólico, que perdeu milleiros de empregos nos últimos meses ante a falta de respostas da Xunta. A última mala noticia provén de Gamesa, que anunciou o despido de 80 traballadores da súa planta galega das Somozas.

"O paro está desbocado; a situación é de extraordinaria emerxencia", engadiu Auri Vázquez, secretaria comarcal de Comisións, que pide a unión a esta folga de traballadores e empresarios da zona, ao igual que fixeron Gregorio Freire, máximo responsable da USTG en Ferrolterra, ou Cesáreo Fraga, de UGT, que defenderon a folga como a medida máis acaída pola excepcionalidade que supón a crise que afecta ao norte da provincia da Coruña.

Cartel da convocatoria de folga comarcal Dominio Público @maria_panblanco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.