Unidade sindical: CIG, CCOO e UGT, xuntas o xoves contra os recortes de Rajoy

Bandeiras de diversas formacións políticas e sindicais CC-BY-NC-SA CIG

Unidade sindical. Agora si. Logo dunha xuntanza celebrada na mañá deste luns, CIG, CCOO e UGT decidiron realizar unha convocatoria conxunta de mobilizacións para o vindeiro xoves 19 de xullo e contra as últimas medidas de recortes anunciadas polo Goberno de Mariano Rajoy a pasada semana e baixo o lema Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen. A gravidade dos axustes levan as centrais sindicais a unirse nunhas protestas que agardan sexan masivas nas principais cidades e vilas de Galicia.

As protestas pretenden ser masivas nas principais cidades e vilas de Galicia

Logo de meses (moitos) de convocatorias por separado, a CIG secundará as mobilizacións do vindeiro xoves da man de CCOO e UGT, nunhas protestas que pretenden ser masivas en todo o país e no conxunto do Estado. O acto central en Galicia, ao que acudirán os secretarios xerais dos tres sindicatos, celebrarase na Coruña, cunha manifestación que sairá da praza da Palloza ás 20 horas.

As tres centrais fan un chamamento a toda a cidadanía para que apoie a protesta e "poña de manifesto na rúa o seu rexeitamento, tanto a estas políticas antisociais promovidas polo PP, como aos argumentos empregados para defendelos e a forma de escenificalos". De feito, o secretario xeral de Comisións, Ignacio Fernández Toxo, advertiu tamén que os sindicatos contactarán tamén con “profesionais, confederados e outras organizacións da sociedade civil para promover unha ampla resposta cidadá”. Nunha entrevista concedida a RNE, o líder sindical asegura que as protestas serán un test para saber até onde está disposta a chegar a sociedade para combater os recortes e a política de austeridade promovida polo Executivo do PP.

Logo de meses de desunión, CIG, CCOO e UGT secundarán xuntos as mobilizacións do vindeiro xoves

A diminución da prestación por desemprego a partir dos seis meses, o incremento do IVE, a supresión da paga extra de Nadal aos empregados públicos, a delimitación da prestación de servizos por parte dos concellos, a liberalización do sector servizos, a privatización do transporte ou a flexibilización dos horarios comerciais son só algunhas das “graves medidas” denunciadas por todas as centrais sindicais e que xa teñen provocado varias mobilizacións espontáneas en diversos puntos do Estado desde que se anunciaran o pasado xoves.

Ademais, a CIG xa anunciou que proporá ao resto de sindicatos a convocatoria dunha folga xeral para o vindeiro mes de setembro, unha medida que para nada descartan xa as centrais estatais. Toxo declarou este mesmo luns que ve “inevitable” un paro total se o Goberno o “forza”.

Os horarios e puntos de saída das manifestacións son as seguintes:

Compostela: 20 horas, con saída da Alameda
A Coruña (acto central): ás 20 horas da Praza da Palloza
Vigo: 20:30 horas da Vía Norte
Ourense: 20 horas, do Pavillón dos Remedios
Lugo: 20 horas con saída da Ronda da Muralla, do local sindical
Burela: 20 horas, da Praza da Mariña
Vilagarcía de Arousa: 21 horas, da Casa do Mar
Pontevedra: 20:30 horas, da Praza da Ferrería
Ferrol: 20:30 horas do Inferniño
   

Bandeiras de diversas formacións políticas e sindicais CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.