Valencia, Madrid e Castela e Léon admiten máis déficit do anunciado

Feijóo, con Esperanza Aguirre no congreso do PP en Sevilla © PP

Madrid, Valencia e Castela e León admiten agora máis déficit do comunicado antes a Facenda. As tres comunidades, gobernadas desde hai anos polo PP, incluíron nos plans económico-financeiros de reequilibrio 2012-2014 presentados ante o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) resultados de déficit ao peche de 2011 superiores aos notificados no avance de liquidación ao Ministerio de Facenda.

Ademais, logo de saberse estes datos, Galicia colócase como o territorio con menos déficit en 2011, cun 1,61% do PIB autonómico, logo de que durante a tarde do venres varios medios dixitais anunciaran que triplicaba o seu desaxuste. Era unha falsa alarma, xa que non se descontaran as liquidacións negativas do sistema de financiamento. "Con todo rigor, dixemos e mantemos que Galicia controlou o seu déficit en 2009, 2010, 2011 e tamén o fará en 2012", asegurou o PPdeG na súa conta de Twitter, onde tamén a Xunta agradeceu "as rectificacións nas informacións erróneas" sobre os desaxustes. 

"Con todo rigor, dixemos e mantemos que Galicia controlou o seu déficit en 2009, 2010, 2011 e tamén o fará en 2012", asegura o PPdeG

A Comunidade Valenciana presentou inicialmente a Facenda unha desviación do déficit do 3,68% do seu PIB, que elevou no plan de axuste ao 4,5%. No caso das outras dúas comunidades autónomas, Madrid declarou nun principio un desaxuste do 1,13% e elevouno ao 2,21%, mentres que Castela e León admitiu unha desviación do 2,59%, por encima do 2,35% anterior.

A suma das desviacións destras tres comunidades autónomas suma uns 3.000 millóns de euros máis dos previstos, o que supón un incremento dunhas tres décimas sobre o 8,5% do PIB calculado polo Goberno central para 2011. 

Feijóo, con Esperanza Aguirre no congreso do PP en Sevilla © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.