Xa son 26 os laudos favorables aos afectados polas preferentes

Afectados polas preferentes, nunha manifestación CC-BY-SA Merixo

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, vén de anunciar que xa hai 26 laudos arbitrais "con solucións favorables aos consumidores". Son, tal e como aclarou, resolucións de persoas "que realmente se viron afectados na súa boa fe" e que "realmente compraron ese produto enganados e sen coñecer exactamente as condicións para poder comprar este produto".

O conselleiro declarou que "a ese tipo de consumidores" é "aos que a Xunta de Galicia desde o primeiro momento quere axudar". Así, Guerra aclarou que o seu departamento está a traballar para demostrar que esta vía é "efectiva" e sinalou que xa se recibiron 3.065 peticións de arbitraxe, tras criticar, sen citalos, a "persoas que estaban en postos de responsabilidade de institucións financeiras".

A Xunta critica a "persoas que estaban en postos de responsabilidade de institucións financeiras"

Estes 24 novos laudos a prol dos afectados únense aos dous anunciados o pasado día 27 polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,  e que supoñían o reintegro do diñeiro para os afectados as participacións preferentes de Novagalicia Banco, tal e como acontecerá no resto dos casos. Javier Guerra insistiu moito en que este sistema está enfocado a aquelas persoas que realmente se viron enganadas" e diferenciounas daquelas "que sabían o que estaban a adquirir". Estes consumidores, dixo, "teñen que ter a responsabilidade sobre os seus investimentos".

O conselleiro Guerra presume de que a Xunta é a única administración que está axudando aos afectados polas preferentes

O conselleiro cre que, ao conxunto de miles de persoas que se viron afectos "na súa boa fe", a única administración que lles está axudando é a Xunta, a través da arbitraxe, que é "gratuíto e rápido". Así, valorou o traballo das oficinas de consumo de toda Galicia para informar deste proceso."A novidade é que hai un Goberno dunha comunidade autónoma que se preocupa deste tema entendendo que é un problema gravísimo e especialmente complicado", aseverou, antes de resaltar que "non hai ningún outro goberno en España que tivese a iniciativa de tratar de buscar unha solución dentro das súas competencias". Ademais, lembrou que este problema "transcende as competencias da Xunta".

Segundo os datos do conselleiro, a maioría das participacións preferentes subscribíronse antes de 2008 e todas elas foron autorizadas pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e o Banco de España. Así, engadiu que a Xunta "non quere escapar das súas responsabilidades cos galegos" e polo tanto, "como consumidores, como afectados, os seus intereses están defendidos".

Ademais da intervención do Instituto Galego de Consumo, Javier Guerra aludiu a "posibles solucións" propostas "desde Galicia" como a colaboración coa Fiscalía.

Javier Guerra, conselleiro de Industria © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.