Da batalla do 28 de maio á do 23 de xullo

  • Editorial
Pedro Sánchez anuncia na Moncloa a convocatoria de eleccións xerais para o 23 de xullo © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa

Cando a batalla das eleccións municipais do 2023 aínda non rematara, quentes aínda os resultados, de boa mañá o Presidente Sánchez decidiu premer o botón do pánico, adiantando inmediatamente as eleccións xerais para o 23 de xullo. Era a enésima confirmación de que as eleccións do 28 de maio foron máis que unhas eleccións locais ou autonómicas. 

Nunca antes un resultado electoral local ou autonómico dera lugar á convocatoria de eleccións xerais. Mais, tras pasar o calvario dunha pandemia, unha erupción volcánica e un intenso proceso inflacionario, vistos os resultados do 28M, Pedro Sánchez decidiu desafiar o destino cun adianto por morte súbita, recoñecendo a necesidade de confrontar proxectos e resolver canto antes a gobernabilidade do Estado mediante o chamado ás urnas. Poñer toda a carne no asador, na mellor tradición decimonónica do “faja o caja”.

Mais, antes de que os grandes movementos de tropas ocupen o terreo, é oportuno comentar para as nosas lectoras o que pasou na batalla de onte no noso país.

Cuns resultados tan apertados (a Deputación de Lugo consérvase por apenas unha trintena de votos), e cunhas maiorías relativas cada vez máis normalizadas mesmo no país no que o Partido Popular gozou tradicionalmente da capacidade de chegar a maiorías absolutas con comodidade (só terá a alcaldía de Ferrol, e por maioría absoluta), aínda fican semanas de negociacións para que podamos trazar o mapa definitivo do poder local en Galicia.

Mais, para alén desta incerteza (e do correlativo principio de precaución que cumpre aplicar nestes contextos), o certo é que xa se poden tirar algunhas conclusións relevantes de cara ás vindeira batalla política do 23 de xullo.

Galicia votou conforme ao seu propio xeito: malia os bos resultados do PP en España, en Galicia a esquerda foi quen de conservar o poder nas principais cidades e nas deputacións da Coruña e Lugo e segue a ser hexemónica en votos

A primeira é que Galicia votou este 28 de maio conforme ao seu propio xeito: malia os bos resultados colleitados polo Partido Popular a nivel local e autonómico en España, en Galicia a esquerda foi quen de conservar o poder nas principais cidades e nas Deputacións da Coruña e Lugo, e segue a ser hexemónica en votos (554.112 votos para o PP, fronte aos 669.033 da esquerda).

A segunda conclusión é que o Partido Popular de Rueda non é quen de trasladar a Galicia con toda intensidade o ciclo á alza do Partido Popular estatal, mesmo sendo Feijóo a súa cabeza visible.

É certo que incrementa voto (uns 50.000) e recupera os niveis perdidos no 2019, cando padeceu unha caída histórica, pero sen que se traduza en avances políticos substanciais. Apenas a Deputación de Pontevedra o é. Un dos grandes triunfadores do 28-M, Jácome, ten na súa man tirarlle a Deputación de Ourense, unha vez consolidado seu proxecto como referente incontestable de populismo friki. En calquera caso, á vista do pobre resultado de Vox, apenas uns miles de votos, o PPdeG segue demostrándose capaz de manter o voto da extrema dereita dentro da “casa común” erguida por Manuel Fraga.

A terceira conclusión é a restauración do bipartidismo tradicional (PSdeG + BNG) no ámbito da esquerda. O rápido esmorecemento do espazo das Mareas –claro indicio das súas moitas inconsistencias– que vimos nas galegas do 2020 trasládase agora ao ámbito local, onde o electorado decidiu apartar de vez o entullo. Tras un fracaso agudizado pola división en diversos concellos e con algunhas excepcións puntuais vilegas, os experimentados de sempre recuperan o seu protagonismo. De aí a alza do BNG, como espazo tradicional de refuxio dos votos á esquerda do PSOE, mesmo apostando por unha liña conscientemente continuísta. O PSdeG suma o desgaste do goberno en Madrid a unha atonía no ámbito municipal, colleitando unha perda de 24.000 votos en total.

A cuarta conclusión non pode ser optimista: o aumento da febleza relativa dunha alternativa de goberno ao Partido Popular de Galicia

Os resultados do 28M confirman o liderado de Feijóo e da súa liña de oposición a nivel estatal. Dado que os escenarios máis probables prognostican un posible triunfo das dereitas en España nas xerais do 23 de xullo, os ventos sopran propicios nas velas de Rueda, quen pode encamiñarse comodamente cara a quinta maioría absoluta se Feijóo logra afianzar, xunto con Vox, 176 deputados no Congreso por volta do vindeiro 23 de xullo. Ou, cando menos, a iso é ao que se encomenda.

Co adianto electoral, e mesmo evitando un adianto electoral galego no curto prazo, o presidente Rueda terá parte do camiño andando para capitalizar nunha quinta maioría absoluta en Galicia a tendencia á alza do PP en España.

Nun contexto de forte polarización, o PSdeG carece aínda de candidato certo ás eleccións galegas, e o adianto electoral –por mor das limitacións que activa o artigo 5O da LOREX– desactiva o potencial de Besteiro como “vendedor” dos logros do goberno estatal, poñendo ademis en risco a súa privilexiada posición para a volta á actividade política. Pola súa parte, todo indica que para as eleccións xerais do 23X o BNG se centrará en apostar por un grupo parlamentar propio, continuando así un hype publicitario de “facer historia” (en vez de facer política) que pode ter o risco de embazar a aposta presidencial de Ana Pontón nas vindeiras eleccións ao Parlamento. A portavoz nacional do Bloque terá que acelerar na presentación dunha oferta programática e de goberno de amplo espectro que conecte con segmentos situados fóra da órbita organizativa do BNG e faga primar os intereses galegos sobre a vociferante pugna española no eixo da esquerda-dereita.

Todos os esforzos son poucos cando se trata de transmitir á cidadanía que a onda populista reaccionaria, neocapitalista e iliberal que asolaga o mundo na época da crise climática, é unha resposta equivocada, que camiña traxicamente na dirección contraria dos intereses civilizatorios máis inmediatos

A convocatoria anticipada das eleccións xerais cobra sentido como unha aposta do presidente Sánchez por situar o PSOE como a forza máis útil no escenario de polarización entre esquerda e dereita. O adianto acantoa un Podemos en risco de desaparición, e dá azos a Sumar (Yolanda Díaz) para facer táboa rasa da súa lista electoral. 

As lóxicas competitivas da esquerda, na mellor tradición d’A Vida de Brian, non xogan a favor dunha posta en común do moito ben feito polo goberno de coalición en España. Faltan apenas dous meses para unhas eleccións xerais decisivas, que decantarán o ciclo electoral do 2023 e prolongarán os seus efectos nas autonómicas galegas. Demasiado pouco tempo para unhas maquinarias, as do PSdeG e do BNG, cuxo rendemento, máis preocupado agora en lanzar os novos proxectos municipais, necesitará ser máis intenso ca nunca se non aspiran xa non a unha derrota sen paliativos, se non a superar o exame do 23X con opcións de gobernar Galicia.

Velaquí, xa para rematarmos, a quinta conclusión: ambos os piares da actual oposición deberán ser todo o competitivos que poidan para garantir a fidelidade dos seus votantes tradicionais, e ademais, gañar a simpatía de novos votantes. Ambos, BNG e PSdG, deberán ter moi claras as súas prioridades programáticas, e facer un traballo de comunicación bairro a bairro, aldea a aldea, casa por casa, que contrarreste as múltiplas intoxicacións emocionais da dereita.

Todos os esforzos son poucos cando se trata de transmitir á cidadanía que a onda populista reaccionaria, neocapitalista e iliberal que asolaga o mundo na época da crise climática, é unha resposta equivocada, que camiña traxicamente na dirección contraria dos intereses civilizatorios máis inmediatos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.