Gómez Besteiro pide aplicarlle a Rajoy a "súa reforma laboral" e darlle o 20 de decembro "unha carta de despedimento sen indemnización". O secretario xeral do PSdeG-PSOE estivo en Vilagarcía apoiando os candidatos socialistas.
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/xornal/uploads/falase/foto/566d970726bf6-besteiro.jpg)
Gómez Besteiro pide aplicarlle a Rajoy a "súa reforma laboral" e darlle o 20 de decembro "unha carta de despedimento sen indemnización". O secretario xeral do PSdeG-PSOE estivo en Vilagarcía apoiando os candidatos socialistas.
Alexandra Fernández destaca no mitin de En Marea en Cangas que “é o momento dun proceso constituínte de mulleres porque queremos igualdade e a Constitución foi un pacto entre homes que non entendían que o machismo é un problema estrutural". O acto comezou coa chegada dos candidatos e candidatas en barco e pechouse reeditando a imaxe zapatista da campaña de AGE do 2012.
Carme Adán afirma en Bueu que “o 20D Galiza xógase moito” e pide “outra oportunidade para que o noso pais estea no congreso da man de NÓS”
Francia celebra a segunda volta das súas eleccións rexionais. A pesar de que o PS retirou varios dos seus candidatos e pediu o voto para as listas conservadoras de Sarkozy, a Fronte Nacional podería facerse co goberno de cando menos tres rexións. Na primeira volta, a formación de ultradereita foi a forza máis votada en seis e no conxunto do país. Ao mediodía a participación crecera en tres puntos con respecto á votación da pasada semana.
Xa está en marcha a manifestación en demanda de carga de traballo para os estaleiros da Ría de Ferrol. Foto: @BernarfoG. Toda a información, nuns minutos en Praza.
En Galicia, o PP sería o máis votado en todas as enquisas, perdendo entre 3 e 6 escanos, sendo segundo En Marea nas que publica La Voz de Galicia, El Mundo e La Región e o PSOE na de ABC; Ciudadanos obtería dous deputados e Nós quedaría sen representación. La Voz de Galicia: PP (11), En Marea (6), PSOE (4), Cs (2). El Mundo: PP (9), En Marea (6), PSOE (6), Cs (2). ABC: PP (11-12), En Marea (3-5), PSOE (5-6), Cs (2). La Región: PP (10-12), En Marea (4-6), PSOE (4-5), Cs (2)
Domingo de enquisas nos medios. ABC: PP (117-124), PSOE (83-85), Cs (59-63) e Podemos (50-53). El Mundo: PP (114-118), PSOE (76-81), Cs (62-68) e Podemos (56-60). La Voz de Galicia: PP (124), PSOE (78), Cs (63) e Podemos (59)
O cabeza de lista de Ciudadanos en Huesca, Jesús Tejada, cobrou de inmobiliarias mentres era o arquitecto municipal da cidade, informa El Diario en exclusiva. O xornal destaca noutra información que a polémica de Ciudadanos coa violencia de xénero lle está a pasar factura a Rivera, cando menos nas valoracións negativas que recibe nos medios.
195 países asinan en París un pacto para evitar que o aumento da temperatura media do planeta supere os dous graos este século. Entrará en vigor en 2020. Os Estados non estarán obrigados legalmente a cumprir cos seus compromisos, pero si a facer un seguimento, comunicalo e presentar revisións cada 5 anos. Aquí, o acordo explicado en dez claves. Varias manifestacións ecoloxistas protestan na rúa contra o acordo, por consideralo insuficiente.
O Deportivo empatou no Camp Nou (2-2) con goles de Lucas Pérez (77') e Alex Bergantiños (85'), despois de ir perdendo 2-0.