O maquinista do tren accidentado en Angrois subliña que "o único que avisaba de que o tren tiña que empezar a frear" na curva era a propia "memoria" do condutor. Afirmouno Francisco José Garzón nunha entrevista en laSexta, na que reitera a súa petición de que as vítimas poidan coñecer toda a "verdade" do sucedido. O pasado xullo Garzón xa amosara o seu agradecemento ás vítimas na comisión do Congreso que investiga o accidente, onde criticara que o Goberno o sinalara dende o inicio como único culpable.
