As corridas de touros reducíronse en España dende o 2011 (de 2.290 pasaron a 1.868). Porén, o número de festexos populares, coma o Toro de la Vega, incrementouse neste tempo. Galicia sitúase, con tres corridas e outros seis festexos, entre as comunidades con menos actividade da tauromaquia.
Fálase
Javier Gómez Noya, campeón do mundo de triatlón por quinta vez. O galego foi segundo na carreira de Chicago e obtén o campionato. Convértese no triatleta con máis títulos mundiais da historia (2008, 2010, 2013, 2014 e 2015)
A sete días dos comicios en Cataluña, este domingo publícanse varias enquisas de intención de voto. Segundo El País (Metroscopia), La Vanguardia (Feedback), Junts pel Sí estaría preto de obter a maioría absoluta (66-67 e 63-65), rozando a suma de JpS e CUP o 50% dos votos. La Razón rebaixa as opcións desta lista ata os 59-60.
A dúas semanas das eleccións lexislativas portuguesas, que se celebrarán o 4 de outubro, as sondaxes presentan unha vitoria da coalición conservadora Portugal à Frente (PSD e CDS-PP), cun 40% segundo a RTP; o PS obtería o 34% dos votos e CDU e BE un 8% cada un. Na sondaxe que publica o Correio da Manhã a diferenza entre PàF e PS é só dun punto, a CDU leva o 8% dos apoios e o BE fica no 6%.
Pontevedra, A Coruña e Santiago acollerán este domingo mobilizacións da Marea Branca en defensa da sanidade pública. As concentracións comezarán ás 12.30 horas do mediodía.
Preguntado polo papel que poden cumprir as cidades gobernadas por candidaturas cidadás, Abel Caballero responde airado que "teño máis votos que as mareas de Vigo, de Santiago, de Coruña e de Ferrol xuntas". O alcalde vigués converterase este sábado en presidente da Federación Española de Municipios y Provincias
Detido un veciño de Santiago por ameazar o alcalde Martiño Noriega a través das redes sociais. Tras pasar a disposición xudicial este sábado, quedou en liberdade con cargos.
A Xunta solicítalle ao Parlamento, a través do vicepresidente Alfonso Rueda, a celebración ao longo do mes de outubro do debate de política xeral
A Coruña acolleu este mediodía unha homenaxe ás e aos represaliados polo golpe militar de 1936 e a ditadura franquista. No acto, organizado no marco do III Galeusca Historia e o Curso de Verán Ciencias Sociais, Educación e Sociedade da UDC, participou Amalia Bóveda Álvarez, filla de Alexandre Bóveda e vicepresidente da Fundación homónima.
O BNG organiza este sábado as xornadas Parlamento aberto, ideas para a Galiza que queremos, coa participación na cámara de representantes do sector industrial, agrario, pesqueiro, colectivos da sanidade, do ensino público, da ecoloxía ou en defensa das mulleres