Vázquez acusa a Feijoo de ter pasado "tres anos e medio pensando en si mesmo", "paseando" e "escaqueándose" dos problemas. Esíxelle a celebración de debates electorais "a dous, a tres ou a vintecatro, pero que haxa debates".
Fálase
Finalmente, o líder do PSdeG-PSOE promete que se é presidente anulará o decreto sobre a lingua galega aprobado en solitario polo Partido Popular. Defende que "o galego nunca provocou ningún problema até que Feijoo chegou ao poder". Tamén reivindica que "Galicia é unha nacionalidade histórica" e que "non dará un paso atrás" nos dereitos conquistados.
Vázquez tamén se compromete nos 100 primeiros días de Goberno a anular os concertos cos centros educativos que segreguen por sexo. Tamén se compromete a aumentar o investimento en investigación.
Vázquez afirma que se vai centrar, sobre todo, en tres colectivos: mozos sen traballo, mulleres e parados de longa duración. Tamén nos pensionistas, aos que lle garante que non pagarán os seus medicamentos, seguindo o modelo que puxo en marcha Patxi López en Euskadi.
Vázquez anuncia que, se é elixido presidente, nos 100 primeiros días de Goberno subirá o IRPF ás rendas máis altas. Tamén recuperará o imposto de patrimonio, creará novas taxas para as grandes áreas comerciais e subirá os impostos medioambientais. Tamén propón un imposto para a banca.
Pachi Vázquez afirma que se achega "o tempo do cambio". Fai fincapé na defensa do público e na defensa dos dereitos sociais. Fai unha proposta para "saír da crise sen deixar a ninguén atrás".
Xa se pode seguir online a intervención de Pachi Vázquez no Comité Nacional do PSdeG-PSOE. Vázquez afirma que estas eleccións chegan nun "momento crucial" e comprométese a "dicirlles a verdade aos galegos", ao contrario do que -afirma- fixo Feijoo. Centra o seu discurso no desemprego, sobre todo as dificultades de mozos e mozas para atopar traballo, e nas críticas á xestión do PP.
Milleiros de persoas maniféstanse en Bahrein pedindo democracia e a liberación dos activistas encarcerados nos últimos meses. O 70% dos habitantes desta pequena monarquía sunita son xiítas, e son precisamente os xiítas os que están protagonizando as protestas nun rico país que, ademais, é a base da Quinta Frota dos Estados Unidos.
Andrés Manuel López Obrador anuncia que non recoñecerá a vitoria de Enrique Peña Nieto nas eleccións mexicanas de xuño, que onte se fixo oficial, e chama á "desobediencia civil"
A Asociación Arraianos coroa a Xesús Alonso Montero como Arraiano Maior da Raia Seca de 2012, nun acto no que tamén se homenaxeou a Celso Emilio Ferreiro.