Grecia aproba cunha ampla maioría o terceiro plan de rescate. Parte de Syriza desmarcouse dun acordo ao que si se sumou a oposición (222 votos favorables, 64 en contra, 11 abstencións e 3 ausencias nunha Cámara con 300 deputados).
Fálase
A LOMCE aplicarase este curso pero o Goberno central suspende as reválidas en Secundaria e Bacharelato ante a perda de poder autonómico por parte do PP o 24M.
O cerco protesta en Vigo tirando anchoa e esixe subir a cota polo menos 500 toneladas. Un cento de mariñeiros botaron fóra 300 quilos da especie.
Pemex negocia a súa saída de Barreras para vender a súa parte a China Sonangol. A empresa chinesa xa controla o 33% de Rodman, negocia por separado cos accionistas e a firma mexicana quere vender.
O BNG apoiará o alcalde de Boimorto na moción de censura que mañá prevé desaloxalo da alcaldía. O portavoz nacional, Xavier Vence, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin, e a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda asistirán ao pleno.
El País analiza nunha reportaxe o fenómeno das verbenas e as orquestras en Galicia.
Galicia é a autonomía na que máis se incrementan os xubilados ao sumar 7.509 ata xuño e apenas 1.200 activos menores de 25 anos.
O Goberno central destina a Defensa un 37% máis do aprobado nos Orzamentos. Madrid recorre sistematicamente a créditos extraordinarios para cumprir os seus compromisos coa industria armamentística.
A dirección de Ciudadanos avala a súa edil de Pontevedra logo de que a directiva local decidise destituíla como coordinadora.
Feijóo non descarta aplicar o artigo 155 da Constitución a Cataluña no caso de que continúe co proceso soberanista. "Sempre é unha opción", di nunha entrevista en El Mundo, na que di que el "non é plan B ningún" a Rajoy.