A noite de San Xoán transcorrerá sen chuvia na maior parte de Galicia, segundo o prognóstico do portal meteorolóxico 4gotas.
Fálase
O científico sueco Lennart Levi gaña décimo oitava edición do premio do Grupo Compostela de Universidades. Con este galardón "recoñecen a súa promoción dos valores europeos a través dunha carreira comprometida coa mellora do benestar físico, mental e social de poboacións enteiras".
Dous directivos de Véndex, Gervasio Rodríguez e José María Tutor, acóllense ao seu dereito a non declarar ante a xuíza do caso Pokémon, Pilar de Lara, que os citara para hoxe en Lugo.
Quién manda identifica os políticos e empresarios que cearon con Juan Carlos de Borbón poucas horas antes de anunciar a súa abdicación. Entre eles figuran diversos ex ministros.
O Goberno portugués disponse a pechar máis de 300 escolas primarias. Familias e pequenos concellos agardan con preocupación a lista definitiva dos centros suprimidos, que ven fundamentais para a supervivencia do rural. Cóntao o xornal Público.
Qué hacen los diputados detalla 80 preguntas sobre a Casa Real vetadas pola Mesa do Congreso dos Deputados.
Méndez e Gayoso cesan oficialmente como membros do padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea. O DOG publica hoxe a orde, que inclúe a fórmula habitual de agradecemento "dos servizos prestados" aos antigos máximos responsables das caixas galegas.
O Goberno central prevé suavizar a contrarreforma do aborto incluíndo o suposto de malformación fetal, segundo adianta El País. A norma será, así e todo, máis restritiva que a de 1985 e o PP quere sacala adiante no verán, antes da precampaña das municipais.
A dirección de Novagalicia Banco ficha a KPMG como auditora. A empresa foi a autora do informe encargado pola Xunta para defender a fusión de Caixa Nova e Caixagalicia que, malia ao anunciado polo Goberno, nin era unha auditoría nin avalaba a fusión.
O Goberno vasco leva ao Constitucional a lei de acción exterior do Goberno central por invadir competencias autonómicas. En xuño de 2013 Feijóo asegurou non ter "ningún problema" coa norma, aínda que "supedita" ao Executivo español a política exterior das autonomías.