Mala xornada para os equipos galegos de Segunda B. Derrotas do Rácing de Ferrol ante o Rácing de Santander (1-0), do Celta B ante o Logroñés (1-0) e do Coruxo ante o Tropezón (0-1). Empate do Compostela ante o Caudal (0-0)
Fálase
Os temporais das últimas semanas fixeron emerxer en Fisterra un mercante portugués afundido en 1927. O Silva Gouveia, de 64,5 metros de eslora, ía cargado de azucre. Hai un mes sucedeu o mesmo en Ferrol cun navío moito máis antigo, que deu lugar a críticas pola falta de interese amosado polo departamento de Patrimonio da Xunta.
A CUP decidiu este domingo non concorrer ás eleccións europeas nunha candidatura conxunta con Bildu e BNG, segundo adianta Europa Press. A formación catalá acordou non participar nos comicios por considerar a UE un "sistema opaco e antidemocrático"
A presenza de mulleres nos consellos de administración das empresas do Ibex35 é só dun 16%. Con todo, isto supón unha mellora considerable dende o escaso 5% que se rexistraba en 2006.
A Plataforma Sarriana polo Río e o Concello de Sarria celebraron unha xuntanza para analizar o conflito aberto na vila polas obras de encanamento do río. As reunións continuarán o vindeiro martes. Os responsables municipais afirman que as obras non se suspenderán pero agora amósanse abertos a modificacións do proxecto.
El Periódico publica unha sondaxe de intención de voto en Catalunya que amosa a CiU (35-36 escanos) por diante de ERC (34-35), que baixan lixeiramente dende anteriores estudos. Ciutadans sería a terceira forza (17-18), superando a ICV-EUiA (14-15), PSC (14-15) e PP (12-13). As CUP obterían 6 escanos. O 46% votarían a favor da independencia, aínda que só o 38% cre que vaia haber referendo.
As Novas Xeracións do PPdeG elixiron Diego Gago como novo presidente, cun 91% dos votos emitidos este sábado no IX Congreso da formación xuvenil.
Catro mulleres interrompen o discurso de Rajoy na clausura do Congreso do PP vasco en protesta pola reforma da Lei do Aborto. Os asistentes responderon con berros de "si á vida" e as mulleres foron expulsadas a empurróns por gardas de seguridade.
Martiño Noriega retomará o labor de coordinador de Anova, tras a celebración da Coordinadora de que tamén saíu a nova Permanente da formación. En dúas semanas a militancia votará os e as candidatas para as eleccións europeas.
Este sábado péchanse en Compostela as III Jornadas de análise para o ensino popular, que durante dous días realizaron "um percurso histórico polas propostas de ensino à margem do estado”